Atalaia

Daniel Canogar diante dunha das súas instalacións da mostra Quadratura, no MAC, A Coruña.
> Daniel Canogar. Quadratura
Datas: 13/12/2012 - 12/05/2013

Artistas

Daniel Canogar

Descrición

As instalacións de Quadratura tentan dar unha dimensión tridimensional á imaxe, pero neste caso á imaxe tecnolóxica. Celuloide de 35 mm, banda magnética de VHS ou pantallas de televisións analóxicas, por exemplo, son medios asociados á historia do cine que o artista utiliza para reinventar a imaxe como escultura.

Encadrando proxeccións de vídeo sobre diversos medios tecnolóxicos -moitos deles obsoletos ou en vías de extinción-, estes parecen moverse maxicamente e cobrar vida. Explórase desta forma as propiedades fantasmagóricas do cine e a imaxe, cuxos escintileos e parpadeos imitan o pulso da vida malia seren inertes. O artista pretende liberar as memorias persoais e colectivas que hai encerradas nestas tecnoloxías que nos acompañaron nun pasado non tan remoto. A acelerada obsolescencia tecnolóxica condena estas memorias ao esquecemento, a pesar de que sen elas deixamos de ser quen somos.

Daniel Canogar (1964, Madrid), recibiu un máster con especialización en fotografía da New York University e o ICP, International Center for Photography, en 1990. Como artista visual traballa con fotografía, vídeo, escultura e instalacións.

Entre os seus últimos proxectos destacan a proxección de Asalto New York sobre a fachada dunha fábrica abandonada en Brooklyn; a exposición individual Latidos no Espazo Fundación Telefónica de Bos Aires, a exposición Vórtices realizada para a Fundación Canal de Isabel II de Madrid e a instalación Synaptic Passage, para a exposición Brain: The Inside Story, no American Museum of Natural History, New York.

Así mesmo, expuxo dúas instalacións no Sundance Filme Festival 2011, en Park City, Utah, e realizou tamén numerosos traballos para espazos públicos: Waves, instalación escultórica permanente creada con aceiro e LEDs, encargo do 2 Houston Center, Texas; Travesías, pantalla flexible de LEDs realizada para o atrio do Consello da Unión Europea en Bruxelas con motivo da presidencia española da Unión Europea no 2010; Constelacións, o mosaico fotográfico máis grande de Europa creado para dúas pontes peonís que cruzan o Río Manzanares, no Parque MRio en Madrid; Nodi, dous murais fotográficos na estación de tren de Arensa en Nápoles; e Clandestinos, vídeoproxección sobre monumentos emblemáticos, presentado sobre os Arcos de Lapa de Rio de Janeiro, a Porta de Alcalá de Madrid e a igrexa de San Pietro in Montorio en Roma.

Fonte: MAC, A Coruña.