Warning (2): include(adodb/home.inc) [http://php.net/function.include]: failed to open stream: Non hai tal ficheiro ou directorio [/var/www/html/cultura/html/Connections/con_cultur.php, line 1]
Warning (2): include() [http://php.net/function.include]: Failed opening 'adodb/home.inc' for inclusion (include_path='/var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp:/var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/:.:/usr/share/pear:/usr/share/php') [/var/www/html/cultura/html/Connections/con_cultur.php, line 1]

Atalaia

Daniel Chust Peters. Abri Anti-aérien. 2012. Detalles das cinco pezas que constitúen a mostra e visión de conxunto no espazo da Galería PM8, Vigo, 2012.
> Daniel Chust Peters. Abri Anti-aérien
Datas: 21/09/2012 - 05/12/2012

Descrición

De todos os marcos, envolturas e límites -xeralmente non percibidos e, por suposto, xamáis cuestionados- que pechan e 'conforman' a obra de arte (o marco, a marquesina, o zócalo, o castelo, a igrexa, a galería, o museo, o poder, a historia da arte, o mercado, etc...), hai un do que nunca se fala, que aínda moito menos se cuestiona e que, sen embargo, entre todos estes que arrodean e condicionan a arte, é o primeiro: o taller do artista". [Daniel Buren, Fonction de l’atelier, 1971, Ecrits, vol. 1, Bordeaux, CAPC-Musée d'art contemporain, 1991, páxs. 195-205].

Daniel Chust Peters (São Paulo, Brasil, 1965), aborda desde unha posición non exenta de ironía o que poderiamos considerar unha das propostas máis refrescantes e desprexuiciadas da práctica artística contemporánea. Deliberadamente evita a incerteza que supón enfrentarse a un novo proxecto recurrindo sempre a unha mesma idea que repite dun xeito continuado: reproduce sistemáticamente o seu taller, o seu obradoiro. Un método de traballo que vén desenvolvendo desde hai máis de 20 anos:

'Emprego un método de traballo que levo aplicando desde que tiven o meu primeiro estudio en París en 1989:

1- Teño unha idea: Reproduzo o meu estudio.

2- Non teño ningunha idea: Reproduzo o meu estudio.

3: Teño outras ideas: Reproduzo o meu estudio.

O acto de ter unha idea queda restrinxido a unha soa. O asunto é manter e conservar unha soa idea ao longo dun período de tempo. Inercia e determinación lévanme a reinventar dun xeito constante a mesma idea.'

Dilixente e metódicamente, o artista segue esta disciplina autoimposta e liberadora empregando o lugar onde traballa como o recurso que lle proporciona todo o necesario para a posta en marcha de cada unha das súas obras. O estudio ou obradoiro, ou atelier, entendido como ese espazo físico e mental onde ten lugar o proceso artístico e onde xermina o proxecto.

Ao longo destes anos, o taller ténse materializado en diferentes formatos e materiais, sempre baixo apariencias distintas que toma prestadas doutros contextos, o que establece conexións con outras realidades alleas á artística.

Abri Anti-aérien é un proxecto específico concibido para o espazo da galería no que explora os vínculos existentes entre a súa propia práctica e a investigación que vén realizando ao longo destes últimos anos como parte da súa tese doutoral, El Taller ausente.

O resultado desta exploración condúcelle cara a reformulación da súa propia dinámica de traballo, levándolle a unha reflexión e estudo acerca da importancia do espazo físico do taller e das prácticas artísticas empregadas e desenvolvidas no interior destes muros.

A proposta presentada na Galería PM8 constróese ao redor de cinco pezas (cada unha reproduce o taller do artista situado no número 41 da rúa Massens, en Barcelona), que mostran unha conexión narrativa e que, dun xeito gradual, van introducindo ao visitante dentro do proxecto. Este xogo de correspondencias visuais que se crea entre as distintas partes presentes na exposición xera unha certa atmosfera de estrañeza e irrealidade desde o primeiro momento no que o espectador entra na obra.

Abri Anti-aérien propón unha estrutura articulada a través de diferentes niveis de representación que no seu percorrido suxiren unha lectura cinematográfica, enfatizada pola orde e o lugar de emprazamento de cada peza na sala de exposición.

A primeira obra é unha imaxe que reproduce a fachada do taller do artista en Barcelona onde se ve a un personaxe que debuxa a entrada do taller. A segunda imaxe é o debuxo realizado por ese personaxe onde se ve o taller, coa porta do taller aberta e onde se pode ver a un personaxe que filma xa dentro do estudio. A terceira peza é un vídeo filmado polo segundo personaxe que aparece no debuxo. No vídeo mírase o interior do taller e a un personaxe que é fotografado. A cuarta obra é unha fotografía do interior do taller onde se observa a un personaxe que está a facer a reprodución do taller. Por último, o quinto elemento é a escultura que reproduce o taller do artista en Barcelona.

A actitude de Daniel Chust Peters, allea a toda influencia, moda ou estratexia de índole comercial cuestiona como un estandarte dentro da arte esa esixencia do novo existente nos ámbitos do mercado ou no circuíto profesional. A insistencia nesa mesma idea que vén desenvolvendo ao longo dos anos enténdese como un exercizo de contención e de concentración sobre a práctica creativa, o que lle leva a propoñer un dos discursos artísticos máis interesantes, autocríticos e desprexuiciados no panorama da arte actual. E aínda que a súa postura poda ser entendida como deliberadamente pragmática, é, sen dúbida, un pragmatismo poético non exento dun particular sentido do humor.

Fonte: Galería PM8