Atalaia

David Rubín. Cartaz da súa exposición 'Un acto heroico', na Zona "C"
> David Rubín. Un acto heroico
Datas: 28/04/2011 - 26/06/2011

Artistas

David Rubín

Descrición

Un acto heroico é unha mostra na que o debuxante David Rubín (Ourense, 1977) presenta algúns dos seus traballos máis espectaculares co mundo dos superheroes como leit motiv. A mostra, enmarcada dentro da programación do Curtocircuíto, Festival internacional de Curtametraxes, está composta por 33 orixinais en tinta e lapis.

"Sempre diferenciei as exposicións de páxinas orixinais de cómic das de pintura, escultura ou outro tipo de arte. Nos dous últimos casos, o que ves ao visitares a galería ou museo no que se expoñen as devanditas obras é a obra rematada, mentres que un orixinal de cómic é unha parte do proceso creativo da obra; a obra rematada é o libro impreso, non a páxina en si. É aí, nas páxinas impresas e encadernadas, onde hai que ler a historia, non nunha galería de arte. Por iso, as exposicións de cómics son como unha especie de making off da realización dunha obra, e iso é o que as fai únicas, próximas e verdadeiramente interesantes. E con esta mostra en concreto, quixen explotar esa parte, facer verdadeiro fincapé no proceso creativo, dende o bosquexo a lapis ata o rematado en tinta e a reprodución a cor, mostrando todas as fases, descubrir os segredos que se agochan debaixo dos libros. Nesta exposición hai unha abundante selección das mellores páxinas do meu último libro publicado, O Heroe: libro 01. Espero que gocedes percorrendo as diferentes fases de elaboración de cada unha delas, tanto como eu gocei levándoas a cabo. Benvidos, a aventura comeza aquí."

Fonte: David Rubín / Zona C