Denís Estévez Fernández presenta na galería Espacio 48 a súa máis recente proposta, unha selección de debuxos e óleos realizados no 2011. A mostra leva por título Bar, voz que desvela o interese do autor por manter a súa pintura xunguida a impresións persoais, recordos, mesmo a cousas aparentemente banais que adquiren valor grazas ao azar. O pretexto literario, A Esmorga (1959), de Eduardo Blanco Amor, sintoniza coa representación plástica sometida aos avatares estéticos actuais. O expresionismo, avivado polos empastes da materia e a forza da cor, alenta as composicións e reforza a intensidade emocional que argúe o fío expositivo. A Denís Éstevez interésalle a taberna, o bar, o pub, como espazos de comunicación e de liberación das restricións económicas. Tamén de mestura entre tipos humanos diversos, incluíndo aquel ao que el mesmo pertence. A metáfora da Esmorga non debe tomarse como se a pintura de Denís se referise a seres suburbanos ou fose solidaria dunha estética tremendista. Designa algo máis clásico: un ámbito no que a vida pode multiplicarse sen ficar reducida a cinza. É un espazo ambiguo, non exento de tensión, pero interesante.
Denís Estévez Fernández iniciouse no mundo da arte no taller de debuxo e pintura de Charo Santiago. Formación que completou en distintos talleres baixo a supervisión de artistas como Joan Hernández Pijuán, Carlos Capelán, Eduardo Arroyo ou, en fotografía, Christopher Makos. Murais e obras efémeras en varios locais de Santiago e Vilagarcía de Arousa, forman parte tamén da súa inquietude artística. Compaxina o seu traballo como artista plástico coa práctica fotográfica na que ten levado a cabo distintas reportaxes de arquitectura e patrimonio, urbanismo e paisaxe, como a reportaxe fotográfica Desconstrucción, sobre a demolición do vello hospital de Santiago de Compostela. Neste exercicio coa fotografía enmárcanse distintas colaboracións en libros e publicacións periódicas.
Fonte: Galería Espacio48