Atalaia

Diego Santomé. Galápago europeo (Emmys orbicularis). 2013-2014. Cortesía do artista e da Galería Parra&Romero
> Diego Santomé. Peza de esquina e outros...
Datas: 20/06/2014 - 26/10/2014

Artistas

Diego Santomé

Comisariado

Agar Ledo

Descrición

As estratexias discursivas en que se fundamenta a obra de Diego Santomé (Vigo, 1966) están directamente vinculadas cos conceptos de utopía e fracaso, equilibrio e inestabilidade. Tanto na elección dos materiais coma no proceso de traballo, Santomé parte de cuestións ligadas ás circunstancias cotiás e á súa transformación, mostrando a posibilidade/imposibilidade dunha nova orde na que a sociedade acade un equilibrio.

Peza en esquina e outros espazos en conflicto reúne unha serie de pezas —algunhas existentes, outras realizadas especificamente para esta exposición— que resumen as preocupacións presentes no seu traballo durante a última década. O cinema, a fotografía, a instalación, a escultura, a performance ou o debuxo son formatos que lle permiten abordar, desde un posicionamento crítico, a transitoriedade das estruturas e da sociedade. As formas simples, ligadas á estética minimalista que caracterizou a súa produción desde os inicios, e o carácter efémero dos materiais ou obxectos atopados son fundamentais na construción de novos significados. O simple e intranscendente, o provisorio, tradúcese na posibilidade de grandes cambios. 

En 2009, Diego Santomé comisariou unha exposición titulada La importancia del pez cebra (Galería Parra & Romero). Reuniu unha serie de artistas que formalizan o seu traballo a partir de materiais simples vinculados co contexto social e político do que proveñen. O peixe cebra, un peixe en aparencia insignificante que, emporiso, representa unha clave importantísima para os avances científicos no eido da xenética, funciona como metáfora das implicacións sociais que esa simplicidade posúe.

Estas novas narrativas, asociadas á natureza efémera dos obxectos, están presentes en pezas como Vidrieras (2011), construída a partir de anacos de cristais atopados en diversas zonas de cascallo e derruba, ou no filme Castillos de arena (2008), no que Santomé retrata o día a día de dous inmigrantes checos que gañan a vida en Praia América (Nigrán, Pontevedra) esculpindo un castelo e asistindo impasibles ao proceso cíclico da súa destrución. Un dos novos proxectos que presenta nesta exposición é unha película que traza, coma un reflexo, un paralelismo entre o perigo de extinción do galápago europeo no ecosistema das Gándaras de Budiño (O Porriño, Pontevedra) e os ideais que sustentan a construción dunha sociedade máis xusta. Son procesos de desocultación dunha realidade que emerxe como fracaso das utopías sociais, cuxas pegadas recupera Diego Santomé para reflexionar sobre a posibilidade de reconstruílas.

Fonte: CGAC

Folleto da exposición

Entrevista a Diego Santomé. Zigzag Diario (TVG)

Diego Santomé. La sonrisa del galápago. María Marco. El Cultural (El Mundo)

Reportaxe sobre a mostra na TVG (Informativos)