"Comezei en Madrid nos anos oitenta. Era moi novo. Recordo a necesidade de expresarme, de traducir a realidade facendo un alto para sorprenderme coas cousas mínimas como a luz ao mover o verde das follas ou a monumentalidade das nubes… os debuxos das formas, o imaxinado, o grandioso…
Coñecín a pintura mirando aos mestres e enganchóume de tal maneira que aínda me retén nun estado de hipnose, sen poder saír do obradoiro. Pintar para seguir, paseniñamente, pintando; acelerando o tempo, sorpresivamente, un cadro tras outro e, co último, un descubrimento. Un día pecharei o estudio por un tempo e botarei a chave ao mar.
Creo na individualidade e peculiaridade do artista. Gústame que o meu traballo sexa un reto, sendo consciente de que algúns cambios poden ser perigosos aínda que tamén valentes. Sabendo que, en esencia, seguirás a ser o mesmo aínda que os días pasen, o corpo cambie e a mente evolucione.
Das pezas nas que traballo actualmente a cor xorde tímida das entranas do branco para descubrir lentamente os seus segredos. Nalgún caso pode semellar luz proxectada sobre a superficie pictórica. Dalgún xeito é como perderse nunha néboa espesa de cor onde a mirada encontra outros matices: a luz espida que borra a forma e mostra o difuso, a cor que latexa e se expande.
Gústame que a miña mirada traspase a obra e non rebote nela. Do mesmo xeito, encantaríame que o espectador descubrise o ruído interno que está detrás do aparente silencio externo dos cadros que conforman a miña exposición."
Texto: Din Matamoro
Fonte: Galería Trinta (febreiro 2012).
Link: Din Matamoro en Espacio de Arte (Correo TV. 01/03/2012)