Atalaia

Obras de Luis Bueno na mostra Do final e do comezo, Pazo da Cultura, Pontevedra, 2012.
> Do final e do comezo (Graduados Belas Artes 2011-2012. Univ. Vigo)
Datas: 14/06/2012 - 02/09/2012

Comisariado

Juan Carlos Meana

Descrición

A mostra, que se realiza por primeira vez, recolle os traballos de 40 recén graduados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Coorganizada entre a propia facultade e o Pazo da Cultura do concello pontevedrés, achega todo tipo de manifestacións artísticas destes novos talentos.

A culminación dunha etapa. Esa é a esencia da exposición dos proxectos finais dos novos graduados en Belas Artes, inaugurada baixo o título Do final e do comezo, e que pretende facer "balance do realizado ao longo dos anos de formación", sinalou Juan Carlos Meana, decano de BB.AA., artista e tamén comisario da exposición, que definiu o final de curso como "meses de luz, de facer visibles resultados e obxectivos que se marcaron tempo atrás".

Do final e do comezo acolle unha selección de proxectos de 40 estudantes de último curso que abordan dende diferentes puntos de vista as problemáticas da arte máis actual "nunha sociedade en permanente cambio para a que hai que dar respostas cada vez máis globais a problemas puntuais", indicou Meana, que aproveitou tamén para destacar a actitude de ensaio das obras, elemento cohesionador dunha exposición que atende a diferentes técnicas, dende a pintura ata a escultura, pasando polo debuxo, instalación, fotografía, animación, vídeoinstalación ou deseño gráfico. "Toman especial protagonismo metodoloxías de traballo que xorden froito das inquedanzas e incógnitas do alumnado, o que lle permite desenvolver unha actitude creativa fronte a outras que se repiten e son réplicas de modelos xa coñecidos", reflexionou o decano para salientar o carácter experimental da mostra. Unha proposta que serve de exemplo da concepción de formación da Facultade de Belas Artes, "concibíndoa non só como un paso polo académico, senón como un proceso no que construír puntos de vista e detectar problemas que a sociedade formula, para dar resposta aos mesmos con solucións creativas".

Proxección pública. Ademais de que os novos titulados e tituladas teñan un primeiro contacto co mundo profesional da arte vivindo en primeiro termo as condicións de expor nun espazo "de nivel", esta exposición tamén dá a coñecer boa parte da actividade que se desenvolve dentro da facultade "cunha visión panorámica e de calidade dos resultados", sinalou Meana, o que permite achegarse á contorna e crear nexos de unión coa vertente cultural da cidade. "A actualidade das propostas é un aliciente para quen teña a inquedanza e a curiosidade de saber que ocorre dentro da nosa facultade, onde os procesos formativos culminan nunha serie de proxectos creativos e dispares do alumnado", engadiu. Por outra banda, o decano tamén quixo recoñecer o traballo e dedicación do profesorado do centro pois "esta exposición é resultado dun complexo proceso, dun traballo en equipo froito do debate e de diferentes perspectivas".

Fonte: Bea Feijóo / DUVI Diario da Universidade de Vigo