Drácula. Un monstro sen reflexo. Cen anos sen Bram Stoker (1847-1912) céntrase tanto na figura do escritor irlandés Bram Stoker -de quen se conmemora durante o 2012 o centenario da súa morte-, como no universo da súa máis célebre creación literaria, Drácula, así como das fontes que a orixinaron e da súa posterior e aplastante influencia en diferentes eidos culturais, desde os máis eruditos ata as expresións máis coñecidas da cultura popular.
Drácula, un monstro sen reflexo analiza de xeito exhaustivo o nacemento e percorrido dun mito moderno a través dunha extensísima bibliografía, carteis, cómics, obras de arte, películas, un ciclo de conferencias e un ciclo de música. A mostra, comisariada polo editor Jesús Egido, comeza estudando as orixes da superstición dos vampiros, presente en case todas as culturas desde a Antigüidade, así como a súa influencia na arte, para centrarse posteriormente na figura de Bram Stoker e o proceso de creación da súa novela grazas a unha abundante bibliografía, entre a que destaca a presenza dunha primeira edición de Drácula, editada en Londres en 1897. Ademáis, a exposición amosa a presenza de Drácula en eidos como o cine, a través das diferentes adaptacións das que a novela foi obxecto, por parte de productoras como a Universal ou a Hammer, ou en cómics como Vampirella. As edicións españolas da novela, os ensaios sobre o autor e a súa obra, así como documentación diversa, cartas, fotografías, etc., conforman un proxecto expositivo que se amplía con estas outras actividades:
- Ciclo de conferencias realizado en colaboración coa UIMP.
- Ciclo de cine con proxeccións.
- Serie de concertos da Coral Polifónica Follas Novas nos que se interpretarán obras de Ligeti, Messiaen, Debussy ou Prokofiev, entre outros, nun espectáculo inspirado polo relato O invitado de Drácula.
- Por último, o colectivo Freakmacine intervén o día da inauguración da mostra, 18 de maio, cunha performance baseada tamén no mito de Drácula.
Fonte: Fundación Seoane