Atalaia

Eduardo Alonso. Sen título. 2011. Técnica mixta. Vista xeral e detalles.
> Eduardo Alonso. Días futuros
Datas: 29/06/2012 - 30/09/2012

Artistas

Eduardo Alonso

Descrición

Co título Días futuros o artista Eduardo Alonso (1972, Santander), irrompe no panorama expositivo galego cunha proposta multidisciplinar que atopa na arquitectura utópica a súa forma de expresión. A exposición, estruturada a partir de numerosos elementos tridimensionais que para o autor, máis que esculturas, son entendidas como maquetas, mostra unha paisaxe urbá na que a soidade, a incomunicación e o illamento, son as características dominantes dun futuro posible que, sen dúbida, funciona como un pesadelo, unha distopía que atopa as súas correspondencias literarias en obras como Un mundo feliz (1932) de Aldous Huxley ou 1984 (1949) de George Orwell.

Días futuros é o resultado dun proceso de traballo, que comeza no ano 2006 e materialízase en feiras como: Art Madrid, Arte Santander, Espacio Atlántico, Valencia Art ou Arte Salamanca. Agora o proxecto chega a Galicia, á sede da Fundación Laxeiro, dentro da II edición do proxecto Entre mares, que posibilita o intercambio entre artistas atlánticos e mediterráneos, en virtude dun acordo de colaboración levado a cabo entre a Fundación Laxeiro de Vigo e Collblanc, Espai d’art de Castellón.

Con este proxecto, Eduardo Alonso utiliza as técnicas do maquetismo ao servizo da expresión artística, nun contexto de multidisciplinaridade que bebe das artes narrativas, a arquitectura e a tradición minimalista na que a pegada manual do artista queda anulada e a interrelación co espazo expositivo é un factor clave á hora de mostrar o traballo.

Seguindo estas premisas, Eduardo Alonso recrea na sala da Fundación Laxeiro, un espazo branco, sen referencias xeográficas, unha cartografía imposible que é intervida coas súas maquetas, brancas e vermellas, dunha factura limpa que suxire un silencio, non só visual, senón tamén vivencial. Un espazo habitado por seres solitarios, perfecamente integrados nese mundo distópico, ese non lugar que conforma unha cidade do futuro perfectamente funcional pero desposuída do ruído, entendido este como a infinidade de elementos continxentes do cotiá, provocados pola convivencia e a comunicación interpersoal, elementos definitorios da polis que Eduardo Alonso elimina, para recrear un mundo no que o azar non ten cabida.

Os seus personaxes habitantes deses Días futuros que el bautiza como El extraño, encarna ao home alienado (Marx) e unidimensional (Marcuse) que para Eduardo Alonso sería o habitante perfecto desa distopía, auténtico futuro posible cara ao que pode estar a camiñar a nosa sociedade, inmersa nunha espiral de produtividade económica na que a condición humana do individuo ten cada vez menos importancia.

Formalmente, a obra de Eduardo Alonso móvese entre a pintura, a escultura e a instalación. Elementos todos eles postos ao servizo dun relato que, como neste caso, frecuentemente atopa no fatalismo futurista o seu lugar narrativo, introducíndonos de modo sutil (polo atractivo visual das súas pezas) nun mundo terrible que el propón como un futurible que estamos chamados a evitar.

Fonte: Fundación Laxeiro