Todo é mentira ou, o que é peor, un fraude. A arte mente, a sociedade mente, a política mente, todo arredor de nós é unha mentira. Na mostra que inauguramos en Alterarte unha vintena de personaxes da aldea din repetidamente I don´t understand you, nun idioma, o inglés, que non é o seu, pero dan o "pego". Eles tamén menten”. Deste xeito explicaba o comisario José Paz a mensaxe que subxace detrás da mostra A ninguén lle importa a túa historia, do creador Eduardo Valiña e inaugurada na Sala Alterarte do campus de Ourense.
A iniciativa, forma parte do proxecto expositivo Estado crítico. 10 comisarios 10 artistas, que casa en cada proposta creativa un representante de cada un destes colectivos. Nesta ocasión, o comisario elixido é o fotógrafo de La Región José Paz, que conta cunha ampla traxectoria como comisario, autor de texto de arte e creador. El foi o encargado de escoller para esta mostra ao creador Eduardo Valiña, seleccionado, salientou, porque "o seu é un discurso rico e transversal onde se tocan moitos fíos".
"I don´t understand you". A ninguén lle importa a túa historia apaga as luces da Sala Alterarte para proxectar en cada unha das súas paredes e de xeito simultáneo as gravacións no ámbito rural de diferentes persoas que en conxunto reproducen en inglés a frase "I don´t understand you", que significa" Non te entendo". A idea, dixo Valiña, "non é falar de internacionalización, senón deixar constancia, desde esta esquiniña de Europa, que non quero formar parte disto, que non me interesa, que todo é mentira". Valiña explicou a súa opinión de que a "mentira é necesaria e marabillosa. Vivimos nunha mentira constante pero fomos felices".
Alén do fondo que subxace na obra, o creador, salientou, considera que a arte é para gozar. Por este motivo fixo "unha exposición que tamén é divertida e graciosa". Neste senso quixo agradecer especialmente a colaboración nela das persoas de diferentes pobos que participaron nesta iniciativa. "A xente das aldeas é coma os paxaros, cóntacho todo pero se ven unha cámara calan e se lle pides que falen en inglés aínda peor", apuntou con humor o creador. "As aldeas do rural xa non interesan, a cultura popular tampouco, pero no fondo da obra de Eduardo emerxe tamén unha homenaxe a aquelas familias que a sustenta", engadiu neste senso o comisario da exposición.
Formación crítica. Esta mostra, explicou Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte, é a penúltima de Estado Crítico, polo que quixo agradecer o esforzo de todas as persoas "que tanto traballan na trastenda de Alterarte e sen as cales non sería posible estar aquí hoxe". A piques de rematarse este proxecto, o director de Alterarte quixo salientar o valor desta pequena sala para a proxección da arte contemporánea, especialmente entre a comunidade universitaria pero tamén na cidade de Ourense. Do mesmo xeito, María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, apuntou que este espazo "non é un espazo illado senón que contribúe de xeito fundamental á formación da capacidade crítica da comunidade universitaria". Un obxectivo que, apunta, consegue nesta ocasión Eduardo Valiña coa súa proposta artística, "que nos abre a unha forma nova de entender a realidade".
Fonte: Rosa Tedín - DUVI, Diario da Universidade de Vigo / Sala Alterarte / Campus de Ourense.