Atalaia

Bernd & Hilla Becher. Fonte: MARCO
> En calquera lugar, en ningún lugar
Datas: 30/01/2009 - 19/04/2009

Descrición

Este é un proxecto que trata, dun modo un tanto caótico e fragmentado, da conexión entre tempo, memoria e lugar (ou, se se quere, entre fotografía/cinema, literatura e cidade); un proxecto que intenta comprender de que modo os espazos marcan o tempo e están vinculados á memoria do lugar. E iso, a través da convivencia entre imaxes e textos, mediante o desexo de que ambos os dous se poidan retroalimentar e convivan paralelamente de xeito que, tal e como escribe W. G. Sebald, 'a escritura reconstrúa a imaxe visual e a imaxe visual deconstrúa o texto'. Deste modo, este proxecto é un cúmulo de lugares (literarios, fílmicos e espaciais), máis ou menos próximos, máis ou menos desconectados entre si, que veñen a chamar a atención sobre a fragmentación da experiencia humana, a incapacidade de comprender o conxunto social e a imperfección do coñecemento. Aquí reúnense un conxunto de 'historias' referidas a lugares anódinos e a seres solitarios ou desarraigados; 'historias' sobre todos aqueles que non atopan 'o seu lugar' por moito que viaxen, camiñen ou busquen, por moito que soñen, revivan ou experimenten. Dalgúns deses espazos e dalgunhas desas persoas fálase aquí, lemos fragmentos dos seus textos, visionamos fotogramas ou contemplamos fotografías de individuos que marchan na procura de 'algo' que non se sabe moi ben que é e de lugares que non sabemos moi ben onde se atopan. En definitiva, este proxecto desexa falar dalgunhas desas persoas que se senten estranxeiras en calquera lugar e deses lugares que case ninguén menciona.

Este proxecto hai que entendelo no marco do proceso de globalización económica e revolución informacional permanente no que o planeta tende a unha urbanización xeneralizada (articulada territorialmente en torno a redes de cidades) que vai modificar radicalmente a estrutura espacial e social da vida cidadá. Neste sentido, e tal como sinala o filósofo Paul Virilio, a arquitectura é un instrumento de medida, unha suma de saber capaz, ao medírmonos co contorno natural, de organizar o espazo e o tempo das sociedades. Por iso, deberiamos ampliar os nosos conceptos arquitectónicos e entender o espazo edificado, non soamente o ocasionado polo efecto material e concreto das estruturas construídas senón tamén todos aqueles aspectos que afectan, coa conciencia do tempo e as distancias, á percepción do contorno. Baixo este punto de vista, podemos asegurar que as cidades deixaron de ser un lugar estable, unha forma claramente determinada ou un movemento coherente, para converterse en espazos de estruturas complexas onde a mobilidade e a mutación (suxeita a constantes colisións) son algúns dos seus trazos máis significativos. As cidades estanse a transformar en enormes concentracións urbanas, metrópoles, que se adscriben non só a un territorio, senón a un arrevesado conxunto de relacións económicas e sociais que demandan novas maneiras de achegarse a elas.

 

José Miguel G. Cortés