O eixe central desta exposición radica nas distintas representacións do concepto de diversidade sexual no terreo da arte. Baixo esa denominación incluínte contémplanse principalmente as imaxes sobre a homosexualidade, o lesbianismo e as sexualidades e identificacións agrupadas habitualmente baixo o acrónimo LGBTQ (lesbiana, gay, bisexual, transexual ou transxénero e queer), que se pode completar co I referido ás persoas intersexuadas.
O obxectivo é internarse na produción de ideas ao redor deste tema xurdidas nas prácticas artísticas, principalmente desde 1969, e desenvolvidas até hoxe. Por que 1969? Neste ano organízase o movemento de liberación gay a raíz das protestas acaecidas en Nova York, no bar Stonewall Inn, sometido a acoso e represión por parte da policía. Esta revolta contou desde o principio coa participación de lesbianas, transexuais e travestidos, amén de homosexuais. Sobra dicir que ese ano se toma aquí como referencia simbólica, pois antes desa data xa houbera actividades e culturas desconformes coas normas.
En todas as partes é un proxecto vertebrado mediante a aparición de distintas representacións do desexo e das diversas subxectividades que se enfrontan á norma e ao poder patriarcal e heterosexista e que deron valiosos exemplos na fotografía, na pintura, no debuxo, no vídeo, na instalación e noutras disciplinas. Supón tamén unha indagación conceptual nas formas de vida heterodoxas e no concepto de comunidade, no que iso implica de constitución dunha cultura identitaria nun medio social hostil, particularmente nos anos sesenta e setenta. Unha identidade que quedaría cuestionada polos postulados queer, polo menos desde inicios da década dos noventa.
Dito isto, e para comprendermos o alcance das representacións e das producións artísticas, individuais e colectivas, necesítase do coñecemento da achega doutras manifestacións culturais, igualmente en clave política. Isto axudaranos entender as distintas percepcións existentes sobre a homosexualidade e a transexualidade, por exemplo. Nese sentido, sería preciso ter en conta o influxo na arte e na cultura visual dos discursos da medicina e da ciencia, ademais de explorar como a lei, en distintos países, estableceu normas e regulamentos que castigaban os actos homosexuais, ignorando, a miúdo, na súa penalización, ás lesbianas. Un castigo que aínda se aplica en moitos lugares.
Así mesmo, é de suma importancia ser conscientes do tramado de visións e construcións culturais procedentes do cine, da literatura, da música, dos medios de comunicación. Telos en consideración é primordial dado o peso que teñen na formación dun imaxinario colectivo, ateigado de persistentes prexuízos e estereotipos e apoiado a miúdo no uso da inxuria e da vergonza. Fronte a todo este conxunto de visións parciais e interesadas rebeláronse os movementos de gays e lesbianas e os colectivos de transexuais, seguindo o exemplo das feministas e dos grupos a favor dos dereitos civís.
A aparición da sida e a súa instrumentalización por parte dos sectores sociais retrógrados serviu para culpabilizar a comunidade gay, entre outras poboacións demonizadas. As distintas revoltas ante a estigmatización revitalizaron o xurdimento de varios tipos de activismo político. A arte puxo cara e imaxe a moitas das cuestións debatidas sobre a pandemia da sida.
En todas as partes indaga na evolución continxente da representación da diversidade sexual desde os tempos de maior represión e homofobia até a actualidade. Isto inclúe a consideración das sucesivas propostas sobre equiparación de dereitos e o estimulante envite do pensamento queer, coa súa consabida crítica ás identidades fixas e á respectabilidade asociada ao concepto de normalidade.
O peso da arte nacida en Occidente (Estados Unidos, Alemaña, España, Gran Bretaña, Francia...) é sen dúbida significativo, pero tamén se atenderá á incorporación de propostas artísticas relativas a países onde as leis criminalizan, en distintos graos, a diferenza e a liberdade sexual (Irán, Turquía, A India, Palestina, O Líbano...). A exposición está orquestada ao redor de distintas seccións que non se establecen de modo ríxido.
Fonte: CGAC