Atalaia

Enrique Lista. Seoanes posibles (after Teresa de Villar). 2013
> Enrique Lista. Seoanes posibles (after Teresa de Villar)
Datas: 20/03/2013 - 16/06/2013

Artistas

Enrique Lista

Comisariado

Anxela Caramés

Descrición

Seoanes posibles (after Teresa de Villar) é un proxecto de Enrique Lista, comisariado por Anxela Caramés no que os criterios para a organización de obxectos domésticos empregados por Teresa Villar -avoa de Enrique Lista-, son trasladados ás obras custodiadas na Fundación Luis Seoane. Con esta operación búscase establecer paralelismos entre as pautas de orde privado e subxectivo fronte ós sistemas aparentemente obxectivos e de carácter máis público. Esta actuación implica un cuestionamento do criterio de autoridade do museo clásico, esvaecendo as fronteiras entre a orde museográfica e as formas cotiás de ordenar obxectos. Nesta mostra, este sistema hexemónico será desprazado por unha pequena historia familiar, invitando a imaxinar outras historias posibles.

A exposición preséntase en dúas salas que aluden, por unha parte, á maneira de ordenar o álbum familiar de fotografías e, por outra, ao modo de colocar os obxectos persoais no faiado de Teresa de Villar. Escolléronse grupos de cadros e debuxos realizados por Luis Seoane e dispuxéronse na sala seguindo o modelo das páxinas do álbum da avoa de Enrique Lista, así como certos obxectos procedentes tanto do almacén e da biblioteca da Fundación Luis Seoane, como do faiado de Teresa de Villar, acompañados dalgunhas fotografías de ambas ubicacións que describen como estaban organizados no seus lugares de almacenaxe orixinais.

Como complemento, Gonzalo Enríquez Veloso realizou unha peza de vídeo documental, ao redor do proceso de produción e montaxe da exposición, o que supón outra ollada posible sobre ó proxecto de Enrique Lista.

Unha parte do catálogo da exposición foi concibido como un álbum de cromos adhesivos que reproducen os cadros e debuxos realizados por Luis Seoane que foron escollidos para a mostra, coa intención de que, nas páxinas que representan as salas baleiras da Fundación, se poda ensaiar a montaxe que cada persoa decida segundo o seu propio criterio.

 

Texto: Enrique Lista e Anxela Caramés

Fonte: Fundación Seoane

 

Entrevista a Enrique Lista en Zigzag (TVG)