Esencia dunha colección. Afundación é unha escolma de obras representativas dunha colección de arte con máis de 5000 obras que recollen a historia da arte galega desde o século XIX ata os nosos días.
O proxecto presenta 66 obras ao público a través dun discurso cronolóxico que repasa a historia da arte en Galicia desde o Romanticismo ata a actualidade. A serie non só recompila os grandes movementos artísticos dese período dunha maneira illada senón que os presenta coma un reflexo das grandes preocupacións sociais dos últimos dous séculos: as vangardas parisienses, a emigración, a Guerra Civil, o espírito da globalización do século XXI ou a ecoloxía.
A mostra deixa constancia de como desde mediados do século XIX ata principios do XX, prestixiosos artistas galegos conseguen darlle á pintura a brillantez que, durante o Románico e o Barroco, mantiveran só a escultura e a arquitectura. Neste período os xéneros protagonistas son a paisaxe e o retrato. Con ambos consolídase a primeira Escola Galega de Pintura, que recrea unha Galicia por veces idealizada, por veces impregnada do realismo propio da denominada Xeración Doente, que Ovidio Murguía de Castro abandeiraba. Neste período destaca tamén a pintura de denuncia e de crítica social, perfectamente representada por Castelao. O discurso expositivo continúa coa década dos anos 30 que se caracteriza pola defensa da tradición tinguida de vangarda por parte dos Renovadores nun proceso de universalización da arte galega que desemboca en traxectorias persoais coma a de Laxeiro, Arturo Souto ou Seoane. Estes anos deron á luz tamén figuras coma Urbano Lugrís que traduce o realismo máxico inherente á alma galega en iconografía mariñeira e colorista, e figuras coma Maruja Mallo ou Eugenio Granell que achegan riqueza ao Surrealismo coa exuberancia sudamericana durante os anos do exilio.
Continúa o percorrido na década dos 50, momento no que a arte reflicte, a través do movemento abstracto, o proceso de incipiente apertura ao exterior por parte de España. Desde fóra de Galicia artistas coma Caruncho, Lago Rivera ou Labra conectan con iniciativas internacionais de abstracción tanto líricas coma xeométricas. Neste momento destaca a figura do autodidacta Tino Grandío que integra a Escola de Madrid, ou Manuel Mampaso que gaña, co seu informalismo, a I Bienal Hispanoamericana en 1951. En Galicia a proposta informalista evoluciona a experiencias tan interesantes coma a de Leopoldo Novoa nos anos 70. Nestes anos xorde, como alternativa á linguaxe abstracta, a Nova Figuración que preconiza o retorno ao obxecto e á realidade, aínda que o fai enriquecida polas achegas da abstracción e as técnicas do Informalismo. O resultado destas pescudas desemboca en tendencias expresionistas, formas orgánicas deformadas ou sensacións de ingravidez e irrealidade, patentes en obras coma as de Jorge Castillo ou Xaime Quessada, e que en ocasións conteñen certo carácter de denuncia social.
A mostra reúne, así mesmo, a década dos 80 e o presente artístico. A globalización, os cambios políticos e unha España que acaba de estrear a democracia marcan eses anos nos que os artistas deixan a denuncia social e a protesta para se entregaren ao pracer da creación. Un heteroxéneo grupo de artistas enmarcados inicialmente como movemento Atlántica, retoma o espírito das vangardas de principios de século para facer unha arte fresca e oceánica, que olla cara ao norte de Europa e Nova York. Esta linguaxe abstracta convive con modelos expresionistas que hoxe son referencias internacionais. O discurso da mostra péchase co presente artístico, marcado polas linguaxes globais, polas posicións éticas e por unha homoxeneidade derivada do multiculturalismo e do trepidante avance tecnolóxico. Neste contexto, os artistas galegos abandonan a procura da propia identidade en favor dunha visión máis universal que se compromete coa ecoloxía, coa propia existencia e co sentido da arte.
Fonte: Afundación