Atalaia

Espectral. Panorámica da exposición no Dobre Espazo do GCAC. En primeiro termo, a obra de Juan Muñoz, Hunter, 1988
> Espectral [Fondos das cols. CGAC e Fundación ARCO]
Datas: 15/01/2010 - 02/05/2010

Comisariado

Miguel von Hafe

Descrición

Non se trata xa, para os artistas, de pechar os seus ollos corpóreos para poder ver o seu cadro cos ollos do espírito, e inmediatamente, facer xurdir á luz do día o que viron nas tebras, como preconizaba o romántico alemán Caspar David Friedrich. Trátase, máis ben, de confrontar os modos de representación do real mediante aproximacións que xogan cos múltiples modos de construción discursiva e visual que a contemporaneidade lles impón.  Espectral non apela a unha linearidade formal ou xeracional, senón que subliña como os artistas recrean, a través do seu corpo ou da representación de espazos, formas de atraer o espectador cara a aquilo que se podería denominar unha cartografía conceptual do intanxible. Lonxe dos parámetros modernistas da autonomía do obxecto artístico, os autores aquí reunidos utilizan o corpo como índice, como proceso. O espazo devén paradoxal, un real ficcionado. Nunha montaxe que busca confrontacións visuais e conceptuais libres de calquera tipo de constrinximento cronolóxico ou formal, a exposición pretende esencialmente captar momentos creativos que implican unha visión idiosincrásica do mundo, na cal a dúbida, a incerteza ante a morte e a busca de modelos interpretativos do real se presentan mediante unha gama de opcións que cobren un arco que vai da máis radical reinterpretación do conceptualismo á reafirmación da materia como entidade expresiva.

Nun universo no cal a realidade parece confinada a dicotomías reductoras como bo/malo ou correcto/incorrecto, é reconfortante poder contar coa expresión artística para conducirnos por territorios ancorados en prácticas que dialogan non só co devir da propia historia da arte senón tamén coa relación que mantemos coa masificación e banalización das imaxes. Esta economía crítica da imaxe irrompeu nos últimos anos con especial forza nas prácticas chamadas relacionais ou en proxectos máis enfocados á intervención social e política. Con todo, os procesos sociais e artísticos tamén demostraron que no silencio do pensamento e da creación individual pódense xestar as máis extraordinarias revolucións.

O ser político non é unha realidade abstracta. Somos todos nós. E a arte, por extensión, non necesita ser etiquetada como tal. A súa propia existencia e visibilidade compartida xa o presupón.

Fonte: CGAC (Extractos do texto de Miguel von Hafe para o catálogo)