Esta exposición que acolle a Fundación/Museo Granell é un espello da exposición inaugurada na Cidade da Cultura, "O encontro na poética de Eugenio Granell", reflexo das amizades que Granell foi acumulando no seu longo exilio e cuxas obras contribúen en boa parte aos fondos que aquí expoñemos. O tema do azar e do encontro continúa nas oito salas deste estupendo edificio.
A exposición "O Surrealismo Hoxe" foi articulada arredor da biografía de Eugenio Granell. Comeza na República Dominicana, onde non só iniciou o seu longo exilio, senón que tamén empezou a súa andaina como pintor surrealista. Foi a illa na que casou coa súa esposa Amparo e onde coñeceu a André Breton. Desta illa Granell pasou a Guatemala, país centroamericano e, xa en 1950, empezou a súa andaina en Porto Rico como profesor de artes plásticas nesta universidade. (Outra das exposicións do Centenario de Eugenio Granell, "Eugenio Granell no paraíso centroamericano (1940-1956)", que se mostra no Auditorio de Galicia, céntrase nesta etapa do artista).
Cara a 1956, Granell trasládase a Nova York, cidade na que residiu ata 1985, ano no que regresa a España. En Nova York exerceu como profesor de español e de literatura española no Brooklyn College, doutorouse en socioloxía na New School for Social Research -en inglés publicou a súa tese de doutoramento El Guernica de Picasso. El final de una era española- e mostrou a súa obra en varias exposicións na Bodley Gallery de Nova York. Estivo en contacto e expuxo cos diferentes grupos surrealistas daquel país: os grupos surrealistas de Chicago, Ohio, Nova York (Hydra Group) e San Francisco. Participou en diversas exposicións destes grupos e colaborou en revistas e libros, co que fortaleceu a súa amizade con moitos dos artistas estadounidenses.
Igualmente, participou en diversas exposicións levadas a cabo polo grupo Phases de París. Estas exposicións teñen lugar en París e en cidades de países como Portugal, Checoslovaquia, Polonia, Inglaterra, Holanda e Estados Unidos. Estréitase a amizade de Granell con surrealistas da súa época de París. Colaboración que empezara en 1954, cunha exposición na galería parisiense A L'Etoile Scellée presentada polos seus amigos André Breton e Benjamín Péret.
Pouco despois da súa xubilación en 1985, Granell e a súa esposa Amparo trasládanse a Madrid, onde comeza outra importante e enriquecedora etapa da súa vida. Na capital española, Granell "é descuberto" por un grupo de novos intelectuais que se interesan tanto na súa persoa, coma no artista e no escritor. Realízanse unha serie de exposicións antolóxicas en Madrid e na Coruña. Granell publica artigos en varias revistas e xornais e coñece os compoñentes de varios grupos surrealistas españois de Madrid, Salamandra, Kula de Gijón e o grupo de Zaragoza. En diversas viaxes a Portugal, entra en contacto cos dous grandes surrealistas daquel país veciño, Mário Cesariny e Artur Cruzeiro Seixas. A amizade fortalécese, xa que os portugueses adoitan viaxar a Madrid e Granell e Amparo visitan Portugal sempre que poden.
Fonte: Fundación Granell