Atalaia

Arte contemporánea en Galicia

Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950

Datas: 27/09/2011 - 20/11/2011

Descrición

Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950 é unha visión íntima da arte galega da primeira metade do século XX, onde atopamos pezas procedentes de ata catorce organismos e de outras tantas coleccións privadas. Son un total de 55 lenzos e debuxos que van desde o ano 1894 ata 1952, estruturados na mostra cronoloxicamente baixo unha tese que sostén que na arte galega de principios do século XX hai dúas formas de representar a realidade: a evasión e o enfrontamento directo co real. A exposición presenta unha pluralidade de propostas, desde o retrato inscrito nas correntes clasicistas e rexionalistas (Álvarez de Sotomayor, Llorens), simbolistas (Corredoyra), ata o seu uso como transmisor da modernidade pictórica (Carlos Maside, Laxeiro, Cándido Fernández Mazas...). A mostra percorre tres bloques históricos nos que se recolle o cambio de século, as primeiras décadas do XX, a Guerra Civil e a posguerra.

O punto de partida é a segunda metade do XIX cando comezan a entrar en Galicia novas correntes e influencias europeas a través de figuras coma José María Fenollera, Mariano Tito Vázquez, Román Navarro ou Ruíz Blasco -pai de Picasso-, que exercen neste momento como profesores das novas Escolas de Artes e Oficios. Trátase dun intre de gran desenvolvemento cultural no que nace tamén o Rexurdimento literario. Nestes anos atopamos un achegamento feble ao realismo social, da Xeración Doente de Parada Justel, Jenaro Carrero, Ovidio Murguía ou, máis especialmente, Fernando Álvarez de Sotomayor. Tamén coinciden aquí outros artistas coma Benigno Pereira Borrajo, Enrique Campo, Felipe Bello Piñeiro, Francisco Llorens, Germán Taibo, Camilo Díaz Baliño, Xesús Corredoyra ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Cara os anos vinte e trinta, o retrato galego muda de acordo coas influencias internacionais: primitivistas, expresionistas (Castelao, Arturo Souto); a Nova Obxectividade alemá e a pintura italiana ou pola influencia da fotografía. Xorden nestes anos obras mestras de Laxeiro, Carlos Maside, Manuel Torres, Arturo Souto ou Manuel Colmeiro, entre outros.

Chegada a Guerra Civil (1936-1939), o asasinato de artistas coma Camilo Díaz Baliño, Luís Huici ou Francisco Miguel, o exilio de Castelao, Colmeiro, Souto, Seoane ou Maruja Mallo, e a loita pola supervivencia no país de  creadores como Mario Granell, Maside, Torres ou Laxeiro, ofrece un panorama na posguerra de antagonismos creativos, por unha banda unha regresión, volvendo á tradición máis conservadora, e pola outra, auténticos saltos á modernidade a través do internacionalismo, surrealismo ou o informalismo (Eugenio Granell, Maruja Mallo ou Laxeiro).

 Fonte: Novacaixagalicia

Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950

Eugenio Granell. Autorretrato, 1944. Óleo sobre lenzo, 52 x 47 cm. Col. Fundación Granell, Santiago de Compostela