Observar, recompilar, indexar, coñecer, recrear. Nunha obra marcada por xestos silenciosos, Fernando Casás (Gondomar, Pontevedra, 1946), mantén unha relación de curiosidade permanente coa natureza. Os vestixios do paso do tempo, os estados e formas entrópicas en permanente mutación, atopadas na profundidade da selva tropical ou na exuberante paisaxe galega, determinan unha traxectoria creativa de máis de corenta anos. Entre Brasil, onde iniciou a súa práctica artística, e a súa Galicia natal, esta exposición antolóxica dá visibilidade a unha obra cunha determinación especulativa e conceptual singular, que tanto se pode materializar en procesos pictóricos ou escultóricos, como en accións efémeras e intervencións específicas, como é o caso das obras inéditas creadas para as salas do CGAC.
Fonte: CGAC