Atalaia

Emilio Morenatti, da serie 'Violencia de xénero en Paquistán', 2008. FotoPres "la Caixa" 09, primeiro premio
> FotoPres "la Caixa" 09
Datas: 11/08/2011 - 02/10/2011

Descrición

A Obra Social Fundación “la Caixa”, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, presenta nas salas do Colexio de Fonseca os traballos gañadores de FotoPres 09. A mostra consta de 135 fotografías que corresponden aos nove proxectos galardoados na edición de 2009 do prestixioso certame de fotodocumentalismo. FotoPres "la Caixa" é o premio máis veterano e con mellor asignación económica de España para fotografía documental. Nesta edición de 2009 a dotación ascendeu a un total de 96.000 euros entre premios e bolsas. Os premios levan un total de 42.000 euros (19.000 o primeiro, 13.000 o segundo e 10.000 euros para o terceiro), mentres que as bolsas están dotadas con 54.000 euros (9.000 euros para cada un dos seis proxectos galardoados). Nesta 19ª edición concorreron 316 traballos presentados á categoría dos premios, mentres que nas bolsas presentáronse 219 proxectos.

Premios:

- 1º Premio: Emilio Morenatti. Violencia de xénero en Paquistán. Galería de retratos fotográficos coas historias de dez mulleres paquistanas que sufriron ataques con ácido e pagan de por vida, co seu rostro desfigurado, as liortas entre familias ou o rexeitamento de pretendentes matrimoniais. A través dunha serie de dez retratos, Emilio Morenatti (Xerez, 1969), intenta mostrar non só a cara máis cruel do xénero humano, senón, e sobre todo, a loita por sobrevivir nun ambiente marcado polo estigma. Cunha gran dignidade por enriba de todo, valentía, orgullo, tristura ou esperanza mestúranse nos retratos para insinuar distintas maneiras de afrontar a traxedia que impregna a vida de cada unha destas mulleres.

- 2º Premio: Walter Astrada. Violencia post-electoral en Kenya. Astrada (Bos Aires, 1974), realizou este proxecto durante os meses de xaneiro e febreiro de 2008 en Kenya, despois das últimas eleccións presidenciais no país africano, considerado como un modelo democrático no continente. Durante aqueles meses, o país deslizouse cara o caos a causa das acusacións do líder opositor, Raila Odinga, e os seus seguidores de etnia luo sobre o proceso electoral para favorecer aos membros da etnia kikuyu, a máis numerosa do país e tradicional dominadora das estruturas de poder. A Cruz Vermella estimou que máis dun milleiro de persoas foran asasinadas a causa desta escalada de violencia étnica e política, e máis de 300.000 víronse forzadas a desprazarse.

- 3º Premio: Alfonso Moral. Líbano, entre mar e lume. Documenta a realidade social no Líbano, afastándose dos estereotipos, a través de dous conceptos: por unha banda, o mar e a calma que xera e, pola outra, a terra, que vive momentos de cambio e de conflito. As fotografías que compoñen este proxecto foron tomadas por Alfonso Moral (Valladolid, 1977), entre os anos 2005 e 2007, e retratan tamén, cunha perspectiva case de colaxe cinematográfico, metáforas e realidades da diversidade de clases sociais, grupos relixiosos e escenografías que conviven no país.

 

Bolseiros:

- Lurdes R. Basolí. Caracas: a sucursal do ceo. Basolí (Granollers, 1981), retrata a vida nas favelas da capital venezolana. Segundo a autora, nestes barrios «a vida vale o prezo dunha bala». Os anteriores proxectos de Basolí centraronse principalmente en conflitos de América central, especialmente no réxime cubano de Fidel Castro e a polémica presidencia de Hugo Chávez. Moitos dos seus traballos publicaronse en revistas de primeira liña como El País Semanal (Benvidos a Chavezlandia), La Vanguardia Magazine (A igualdadse chámase Europa) ou El Mundo Magazine (Os pantasmas de Chernóbil).

- Fosi Vegue. Grandes éxitos. É un ensaio fotográfico sobre unha popular sala de festas madrileña que tivo a súa época dourada na década de 1970, presentando agora a decadencia dun escenario de glorias pasadas. Seu autor, Fosi Vegue (Talavera, 1976), é membro do colectivo Blank Paper e exerze como director e profesor na escola deste mesmo colectivo. Na súa traxectoria como fotoxornalista destacan premios como os de Fotografía Documental ARCO’07 e numerosas exposicións en todo o país.

- Marta Ramoneda. Khusra. Transxénero en Paquistán. Unha achega ao cotián e ao complexo papel social dunha comunidade de transexuais nesta república islámica. Marta Ramoneda (Sabadell, 1977), licenciouse en Dereito e en Antropoloxía Social e Cultural, pero especializouse no mundo da fotografía. Colaborou en importantes publicacións de nivel internacional como Newsweek, Stern, Paris Match ou View Magazine e está representada pola axencia de Nova York Polaris Images.

- Aleix Plademunt. Dubai Land. Esculca e ensaio visual sobre a cidade que máis está a crecer no mundo: Dubai, un dos sete emiratos que integran os Emiratos Árabes Unidos. Todo un paseo por esta megacidade de novas xeografías e novas iconas, onde se atopan a escenificación das tendencias e os valores do mundo occidental. Aleix Plademunt (Girona, 1980), despois de cursar un posgrado de fotografía en México, comezou a súa carreira expoñendo en convocatorias como ARCO (2007 e 2008), Miami Art (2007), London ART (2007) ou no Círculo de Belas Artes de Madrid (2008).

- Mikel Aristregi. –40º / 96º. Para este proxecto, Aristregi viaxou á fría capital de Mongolia, Ulan Bator, coa fin de documentar os estragos que o alcol causa entre os vagabundos da cidade, nun claro exemplo de como a chegada do progreso pode desnaturalizar aos grupos sociais. Aristregi (Hernani, 1975), licénciase en Xornalismo e especialízase en Fotoxornalismo e Captación Dixital. Os seus traballos publicaronse no xornal El Segre, onde foi corresponsal no val de Arán. Neste enclave centrou gran parte dos seus proxectos, como Rue 24, presentado no SONIMAG'07 e na Bienal de Fotografía Xavier Miserachs.

- Jo Expósito. Hóspedes de Deus. Relato en imaxes, coral e colaborativo, sobre a convivencia e as experiencias en Barcelona dun grupo de persoas de orixe subsahariana, inmigrantes e en situación irregular. Jo Expósito (Barcelona, 1973), comeza a súa carreira como axudante de autores como Pere Peris ou Cristina Rodés. Despois empeza a publicar os seus propios proxectos e desde hai algúns anos centra o seu labor na investigación e creación de proxectos visuais, profundizando no concepto da «realidade migrante».

Un certame de referencia na fotografía española:

Desde a súa creación en 1982, o premio FotoPres converteuse nun dos sinais de identidade da Obra Social Fundación “la Caixa”. Naceu coa vontade de recoñecer o traballo dos fotoxornalistas, ata entón pouco valorado. En edicións sucesivas, a mirada do certame foi máis alá e fíxose eco dos cambios producidos na fotografía como medio e das súas posibilidades para sensibilizar ao espectador ante as situacións de conflito e para crear opinión. Os premios valoran especialmente a capacidade do fotógrafo de captar a esencia dun acontecemento e interpretalo desde o seu punto de vista. Nestes 25 anos, a fotografía cambiou enormemente. Os xéneros fotográficos diluíronse, produciuse un acercamento e unha consolidación do medio nos circuitos artísticos e, coa irrupción da tecnoloxía dixital, acentuaronse as novas perspectivas e actitudes por parte dos profesionais. FotoPres “la Caixa” foi testemuña de todos estes cambios, como revela a evolución do certame desde un primeiro acercamento á fotografía de prensa española ata unha posterior aproximación ao concepto de fotodocumentalismo, entendido como o rexistro fotográfico que documenta en profundidade e xera reflexión sobre os diversos aspectos da realidade que nos rodea sen responder a un código estético único. Deste xeito, FotoPres non deixou de vincularse á actualidade social, política e cultural, pero nestas 19 edicións superou o paradigma clásico do fotoxornalismo e apostou por aqueles proxectos que supoñen unha renovación da linguaxe fotográfica.

Fonte: Fundación “la Caixa” / Atalaia