Atalaia

Francisco Asorey no seu obradoiro. Anos 1920-30. Fotografía: Ksado
> Francisco Asorey
Datas: 09/09/2011 - 30/11/2011

Descrición

A Fundación Gonzalo Torrente Ballester presenta a exposición dedicada ao escultor Francisco Asorey (Cambados, 1889 – Santiago de Compostela, 1961), de quen o 2 de xullo de 2011 cumpríronse os 50 anos do seu pasamento. O Parlamento de Galicia, por acordo unánime dos tres grupos parlamentarios, decidíu “apoiar a declaración do Concello de Cambados do ano 2011 como Ano Asorey, e reclamarlle ao Goberno da Xunta a asunción desta declaración para darlle un carácter galego á efeméride”. Froito deste acordo, asinóuse un convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, encargándoselle a Miguel Fernández-Cid, director xerente desta última institución, a preparación dunha mostra dedicada a Francisco Asorey. Despois do seu paso por Cambados (Pazo de Torrado, do 1 de agosto ao 4 de setembro), chega ampliada á Fundación GTB, de Santiago de Compostela, ocupando as dúas plantas expositivas da fundación.

A mostra reúne 14 esculturas de Asorey, entre as que se inclúen algunhas das súas obras esenciais, como as realizadas en madeira e policromadas, datadas nos anos 20 e comezos dos 30: Picariña, 1920 (Museo Carlos Maside, Sada, A Coruña); Ofrenda a San Ramón, 1923 (Museo Provincial de Lugo); O tesouro, 1924 (Col. particular, Madrid); San Francisco, 1926 (Col. MNCARS, Madrid) e A nai do Door, 1931 (Museo Diocesano de Arte Sacro, Bilbao). É a primeira vez que se xunta un grupo tan significativo de obras destes anos, nos que Asorey realiza as súas aportacións estéticas máis persoais, polas que críticos e escritores da época (caso de Castelao), o sinalaron como un dos creadores da nova arte galega. O tesouro levaba un par de décadas sen expoñerse, e A nai do Door non se vira nunca en Galicia. Xunto a este selecto grupo de esculturas, escolléronse outras que marcan as súas orixes e intereses estéticas iniciais (onde se aprecia o seu coñecemento da escultura clásica, pero tamén dos debates da escultura do momento), e a súa posterior evolución.

Como a importancia real de Asorey non se pode entender sen repasar a súa obra monumental, para a exposición preparáronse tamén 20 fotografías, en gran formato e moito detalle, de 5 dos seus monumentos públicos máis salientables: Monumento a San Francisco (1926/30, Santiago de Compostela); Monumento ao aviador Joaquín Loriga (1933, Lalín); Monumento a Curros Enríquez (1934, A Coruña); Monumento ao alcalde López Pérez (1958, Lugo); e Monumento ao astrónomo Ramón Mª Aller (1959, Lalín). A súa disposición, xunto ás esculturas de madeira, serve para completar o repaso pola obra de quen é o gran escultor galego do século XX e, sen dúbida, un dos principais escultores españois da época.

Como complemento, móstrase un conxunto de fotografías de Asorey e o seu estudio, tomadas polo fotógrafo Ksado, gran amigo seu. Nove imaxes, copias novas realizadas a partir das placas orixinais, nun formato que permite ver recunchos do obradoiro, descubrindo esculturas, proxectos e motivos de inspiración. Tamén está dispoñible o documental Asorey (2011), de 27 minutos de duración, realizado polo Obradoiro Lumière do IES Francisco Asorey de Cambados.

Fonte: Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Santiago de Compostela