Atalaia

Fred Stein. Retrato de Albert Einstein, 1946.
> Fred Stein (1909-1967). A paixón do cotián
Datas: 31/05/2012 - 29/07/2012

Artistas

Fred Stein

Descrición

O fotógrafo Fred Stein (1909, Dresde, Alemaña - 1967, Nova York, Estados Unidos), é obxecto desta exposición, A paixón do cotián, que percorre as tres principais series gráficas deste autor pioneiro da fotografía na rúa. Con material procedente dos fondos de Peter Stein -fillo de Fred Stein-, preséntanse algúns dos traballos que converteron a Stein nun recoñecido retratista pola intelectualidade americana entre os anos corenta e sesenta, formando parte do grupo dos grandes autores que definiron o modo de facer e de entender a fotografía moderna xunto a Alfred Stieglitz, August Sander, Robert Capa ou Edward Weston. Pioneiro da imaxe urbana, coa súa cámara na man, as cidades de París e de Nova York convértense nas protagonistas da súa obra e, xunto a elas, os milleiros de persoas retratadas ao longo da súa carreira ata o seu pasamento en Nova York, cumpridos os 58 anos.

Stein estivo desde moi novo profundamente interesado pola política e decontado asumiu unha clara actitude de activismo en contra do goberno nazi que se acababa de instalar no poder. Esta convicción e as súas orixes familiares -fillo dun rabino e dunha profesora de relixión- impedíronlle realizar a carreira profesional que habería de seguir logo dos seus brillantes resultados como estudante de Dereito na Universidade de Leipzig. Fronte ao imparable e ameazante ascenso do novo goberno ditatorial, Fred Stein e a súa esposa voaron a París en 1933, formando parte desa gran nómina de expatriados e refuxiados da Alemaña nazi. Francia, nun principio, e Estados Unidos, definitivamente, foron os escenarios en que Stein enmarcou toda a súa vida e mais a súa obra.

A exposición alberga unha coidada selección de 86 fotografías pertencentes ás que se consideran as súas mellores series: París, Nova York e unha galería de retratos de ilustres personalidades de todos os ámbitos da cultura, a ciencia e a intelectualidade.

O subtítulo que enmarca a mostra, A paixón do cotián, reflicte a esencia do que Fred Stein tratou de ilustrar ao longo da súa vida: todos aqueles detalles, momentos, retratos anónimos e coñecidos que no seu conxunto son un mosaico apaixonado e apaixonante da historia do pasado século XX.

As coleccións

A colección de París. A capital francesa é o lugar de referencia cara a onde se dirixen os demócratas progresistas e os exiliados de toda Europa. Fred Stein refúxiase en París como continuidade da súa viaxe de noivos alertado polas detencións dos seus amigos en Alemaña. Alí súmase ao círculo socialista, integrado fundamentalmente por refuxiados xudeus. O matrimonio fai amizade con Robert Capa e a súa muller, Gerda Taro, con quen viven durante algún tempo. A súa pequena cámara fotográfica Leica, que recibiu como agasallo de voda, guiarao definitivamente no seu novo rumbo profesional. A mobilidade desta cámara permítelle percorrer as rúas da cidade, obtendo un traballo de documentación cunha facilidade e naturalidade únicas. Nesta etapa o fotógrafo fai retratos e escenas cargadas de lirismo que afondan no corazón e nos sentimentos de quen admira as súas imaxes. Stein ficará en Francia ata 1939, ano en que se declara a guerra contra Alemaña. Nese momento, desde o porto de Marsella, consegue fuxir a Estados Unidos.

A colección de Nova York. A liberdade e a diversidade do novo mundo, ao que chega Stein, inspirarán o traballo de moitos dos artistas europeos que recalan en América -en Nova York en particular- a partir dos anos corenta. Nese contexto englóbase a súa figura; será un dos artistas que mellor debuxe a imaxe da cidade dinámica e vibrante que lle acaba de roubar a París a capitalidade mundial da arte. Desde a Quinta avenida ata Harlem, retratará Stein o cidadán anónimo no seu día a día xunto a centos de escenas urbanas, sen esquecer a visión máis pausada e simbólica dalgunhas das maxestosas arquitecturas e localizacións emblemáticas da gran cidade, coma o Empire State Building, Times Square, Central Park ou a ponte de Brooklyn. Este será o verdadeiro estudio de Fred Stein ata o seu pasamento en 1967.

A colección de retratos. O xénero do retrato será un dos campos que máis sona lle reportará a Fred Stein. De entre os máis de mil douscentos realizados a personalidades de todo tipo ao longo da súa carreira como fotógrafo profesional, descubrimos nesta exposición os retratos de figuras tan notables coma Bertolt Brecht, André Malraux ou Le Corbusier -pertencentes á etapa parisiense-, xunto ao impresionante catálogo de retratos de grandes personalidades realizado a partir dos anos corenta en Nova York, entre os que figuran nomes como Eleanor Roosevelt, Dalí, Max Ernst, Hermann Hesse ou Einstein, cuxa fotografía se converteu nunha auténtica icona.

Fonte: Novacaixagalicia. Obra Social