Atalaia

Imaxe dunha das obras de Gosia Trebacz.
> Gosia Trebacz + Alfonso Caparrós. Mecajo enlamareneno
Datas: 10/08/2012 - 25/09/2012

Descrición

"No sei o que está detrás da pintura de Gosia Trebacz (1971, Cracovia, Polonia), que non sexa o enigma ou, quizais, o emprego da cor como pretexto sobreposto a signos e debuxos espontáneos e extrovertidos que hai que adiviñar. Cores sobrepostas a caligrafías rotundas, soltas, decididas con significados ocultos. O resultado son composicións nas que parece complexo establecer o seu auténtico sentido. Composicións desordeadas nunha perfecta orde, nun perfecto equilibrio. Son iso, cadros, representacións enigmáticas de signos, caligrafías e cores que non te deixan indiferente.

O discurso plástico de Alfonso Caparrós xorde dos pecios agónicos que arriban ás praias atlánticas do noroeste. Son eles os que suxiren a obra, son eles os que elixen ao artista (coa licencia de Eduardo Arroyo), coas súas formas moldeadas despois dunha longa travesía polo mar, desde o fondo abisal ata o piélago e a praia; e o artista as fagocita e dá vida a través de ensamblaxes, figuracións e cor. Son expresión dunhas paixóns que evocan narracións mitolóxicas, fábulas extraordinarias, animais imaxinarios resultantes de estraños cruces e mutacións. Son, en fin, exquisitas figuracións que te enchen a imaxinación de fantasías, pezas escultóricas de pequeno formato realizadas a partir de madeiras atopadas á deriva, pintadas ao óleo e que representan diferentes tipos de peixes."

Texto: Jesús Montero

Fonte: Galería Monty4