Atalaia

João Tabarra. Lake+Fool. The thing with feathers. 2000. Fotografía cor. 180x225 cm. Col. CGAC
> Gravity & Disgrace. Ep. 2
Datas: 13/07/2012 - 30/09/2012

Comisariado

Miguel von Hafe

Descrición

No Dobre Espazo do CGAC preséntase a segunda entrega de Gravity & Disgrace a partir da selección dunha serie de obras das coleccións CGAC feita polo director do centro, Miguel von Hafe.

Parafraseando o título da exposición Gravity & Grace. The Changing Condition of Sculpture 1965-1975, que tivo lugar en Londres en 1993, Gravity and Disgrace Ep. 1 parte do principio de inestabilidade procesual e teórica que caracteriza a contemporaneidade para suxerir unha reflexión sobre as instancias creativas que representan un mundo en mutación vertixinosa.

Traballando a partir dunha recontextualización de imaxes preexistentes (Rosângela Rennó, Tacita Dean), ou a partir da creación de imaxes como relato ficcionado do pasado (Jorge Barbi), a arte interpela e interpreta a memoria como factor determinante na súa recepción crítica. O terreo esvaradío que se torna firme na aprehensión de formas convencionais, tanto na súa banalidade como na súa monumentalidade (Asier Mendizábal, Damián Ortega), repercute na posibilidade de que estas se ofrezan como elementos de reflexión sobre a súa configuración formal como dispositivos de significación.

Doutra banda, o espazo esvaradío que se afirma entre a putativa veracidade da imaxe e a narrativa paradocumental (Regina de Miguel, Iñaki Garmendia) corresponde a un designio reflexivo sobre a posibilidade da arte de se reinventar a partir de modelos conceptuais doutras disciplinas (científicas ou poéticas).

Inestable e esvaradío é, tamén, o lugar do creador, o seu espazo de intervención social nun campo expandido. Da reiteración da simple existencia e do dereito á pasividade improdutiva como forma de resistencia activa (Mladen Stilinovic) á reconstrución dun real mitificado como oposición a un real editado pola suma de feitos supostamente inevitables (João Tabarra), varias son as posibilidades e os camiños percorridos para a consolidación de alternativas á linearidade da autorreferencialidade compracente ou da facilidade populista e cínica que define unha parte significativa da produción artística contemporánea.

Fonte: CGAC