"Nos anos noventa Eduardo Mendoza empregou a viaxe dun extraterrestre, Gurb, a Barcelona para mostrarnos a súa visión sobre a España Olímpica. É o mesmo tono carente de censura, fresco e sorprendido, o que Héctor Francesch (A Coruña, 1977), escolleu para crear a súa particular novela de aprendizaxe. En A veces veo esto, o pintor coruñés sintetiza a súa visión da sociedade actual a través dunha galería de persoas anónimas (con problemas reais) que comparten espazo con celebridades como Lola Flores ou personaxes de ficción como Bob Esponja. Mediante esta combinación surrealista aborda de fronte, e con ousadía, temas que durante o último ano teñen sido portada dos xornais. Francesch asume os múltiples elementos que constitúen a nosa cultura visual, para construír unha linguaxe viva na que a mestizaxe entre a tradición pictórica, o cine, o deseño ou o mundo da publicidade crea un discurso coherente achegado a nosa realidade. Discursos como o de Francesch desmontan a tese dos que auguraban a morte da pintura, e permiten que esta continúe sendo testemuño da nosa memoria e que goce dun perfecto estado de saúde."
Fonte: Nuria Blanco / Galería Moret Art