Atalaia

Salvador Corroto
> Homenaxe a Salvador Corroto
Datas: 21/01/2013 - 17/03/2013

Descrición

A presente exposición ten un sentido e un significado claros: render homenaxe á figura de Salvador Corroto Parra, un dos principais galeristas que tivo a nosa cidade. A súa Galería Atlántica foi durante as súas dúas décadas de dedicación auténtica referencia, tanto para as grandes firmas ás que atraeu, como polo seu apoio aos artistas que xurdían e aos que potenciou.

O 22 de febreiro de 2012 falecía Salvador Corroto na Coruña, aos 64 anos de idade, deixando tras de si un inmenso labor cultural. A limitación de espazo fixo imposible reunir obra de todos os artistas que tiveron relación con Salvador e por iso houbo que reducir o número de obras desta exposición-homenaxe e elixir a aqueles artistas vivos que tivesen unha relación máis estreita con el, que seguisen máis de preto a evolución da súa galería de arte e que en definitiva se identificasen coa forma en que el vía, sentía e admiraba a arte. En total son 39 obras doutros tantos autores que nos axudarán a entender mellor a súa ampla visión da creación artística contemporánea.

Xunto a eles, nove autores (Pepa Cerviño, Juan Ferrán Bello, Mª Rosa Gómez, Olga Patiño Nogueira, Ánxeles Penas, Paco Pestana, Mercedes Rozas, Xavier Seoane, Xulio Valcárcel) deixaron os seus textos nas paredes da sala, achegándonos a transcendencia de Salvador Corroto.

Fonte: Concello da Coruña / Concellería de Cultura