Atalaia

Unha das pantallas interactivas do proxecto Humano Perfecto, de Alberto Valverde.
> Identidades Colectivas
Datas: 29/11/2012 - 25/01/2013

Descrición

A identidade do artista é un tema fondamente tratado ao longo da Historia da Arte, "dende os personaxes pintados de costas por Caspar David Friedrich no romanticismo ata a implantación dun microchip no nocello de Eduardo Kac na súa acción Time Capsule". A exposición Identidades Colectivas continúa con esta liña de debate indo máis aló do propio signo de identidade do creador para adentrarse na esencia da propia obra concibida. Profesores e artistas da facultade pontevedresa, Alberto Valverde, María Castellanos, Sara Goberna e Ana Seoane, dialogan sobre esta temática para concluír que ademais da do artista, tamén se ve implicada nunha obra a identidade do espectador, "tanto no modo de reaccionar, empatizar e observar ou dialogar coa creación".

Como explican os propios artistas, nunha mesma cultura e contorna social é sinxelo "que nos vexamos reflectidos e identificados na cultura visual do momentos pois os seres humanos somos seres sociais e gústanos sentirnos integrados no noso contexto máis próximo". Así, no compendio de obras que se aglutinan neste proxecto expositivo, móstrase a intención "común" de implicar ao espectador "directamente como partícipe da obra", de forma que o visitante non sexa soamente unha parte pasiva deste proxecto artístico colectivo. "Ao pasear pola sala e pórse en fronte das pezas, queremos que se converta en parte activa da mesma, en sinerxía con elas e como último chanzo da mostra", sinala María Castellanos, para finalmente crear unha relación latente no tempo entre artista e espectador.

A heteroxeneidade técnica caracteriza a esta mostra colectiva da Sala X, con manifestacións artísticas "moi variadas" que van dende as instalacións interactivas Humano Perfecto de Alberto Valverde e Piel digital de María Castellanos, ata as pinturas de Ana Seoane con traballos da serie Como gustéis ou as intervencións téxtiles de Sara Goberna. Valverde afonda na súa investigación sobre o desenvolvemento tecnolóxico e a súa conexión co ser humano presentando pantallas interactivas que converten ao espectador en protagonista temporal da obra ao ver reflectida a súa imaxe e confundida cos trazos do personaxe proxectado. Pola súa banda, María Castellanos emprega un motivo recorrente nas súas prácticas artísticas, a análise das relacións entre corpo, tecnoloxía e arte e como esta confluencia inflúe no propio ser humano. Ana Seoane expón varios óleos sobre papel nos que dá a ver "inmensos" espazos de baleiro e silencio nos que se distingue xente anónima sen identidade precisa "incapaces de formar una masa humana sen referencias de ningún tipo". A mostra complétase coas pezas téxtiles de Sara Goberna, titulada de Belas Artes en 2011.

Fonte: DUVI (Diario da Universidade de Vigo)