Atalaia

Ignacio Pérez-Jofre. Claveles rojos. 2013. Óleo/tea. 75x55 cm
> Ignacio Pérez-Jofre. Cadros de flores
Datas: 25/04/2013 - 07/06/2013

Descrición

"Supoño que, se tivese que explicar as razóns polas que estou a pintar cadros de flores, podería dicir algunhas cousas. Por exemplo: que as flores son un emblema atemporal da beleza efémera. Simbolizan un momento de brillo, de xuventude e frescura que se ve inevitablemente abocado á decadencia e a morte. Ao pintalas nese estado de esplendor, intento resgatalas, aínda que sexa só como imaxe ou memoria, da desaparición. Non é esta unha das funcións primordiais da arte? 

Ou tamén: que un floreiro con flores é un dos motivos pictóricos máis fortemente asociados a un gusto inxenuo, o dun espectador non iniciado en arte contemporánea; é o primeiro que pinta o afeccionado que emprende, con moito entusiasmo e moi pouco coñecemento, a práctica da pintura nunha academia ou seguindo as indicacións dun libro. É un tema característico de certa pintura superficial, ridículo e compracente. É un auténtico tópico visual e, como tal, o floreiro de flores é denigrado e mirado con desconfianza, a priori, polos entendidos: artistas, críticos, téoricos da arte, profesores. Non obstante, non podo esquecer que pintores aos que admiro moito pintaron flores: Van Gogh, Hokusai, Nolde, Mondrian, Warhol, Richter... 

Así, formúlome o reto de tomar esa imaxe manida, gastada, e ver a posibilidade de facer con ela algo persoal, orixinal e significativo. (...) Creo que a orixe destes cadros está nunha tarde, hai uns cinco anos, na que a miña muller trouxo á casa un ramo de flores e puxoo nun floreiro de cristal na mesa do comedor. Esa tempada estiveramos bastante decaídos; ao entrar na casa e ver as flores no medio do cuarto, sentín unha grande ledicia. Irradiaban cor e luz e transmitíanme un estado de ánimo novamente optimista. Despois, durante moito tempo, reparei nas flores que teñen nunha pequena tenda preto do estudo, onde tamén venden froitas e verduras. Cada vez que pasaba por diante, pensaba "como me gustaría pintar un ramo de flores". Pero algo mo impedía. Pode que fosen prexuízos ou que non tivese dado aínda co xeito axeitado. Por fin, o outro día, ao dar por rematada unha serie de obras que estaba a pintar para unha exposición, saín do estudo, fun ata a pequena tenda, comprei un ramo de caraveis vermellos, volvín ao estudo, puxennos nun bote de cristal cun pouco de auga e pintei o meu primeiro cadro de flores".

Fonte: Trinta. Texto: Ignacio Pérez-Jofre