Dirixido polo artista Ignacio Pérez-Jofre, este obradoiro formúlase como unha serie de experiencias de captación do espazo urbano por medio do debuxo do natural. A proposta xorde como actividade paralela da exposición O bosquexo do mundo, comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, e coproducida polo MARCO, o Auditorio de Galicia e a Fundación Luis Seoane. Dentro desta mostra colectiva, que actualmente ocupa as salas da planta baixa do MARCO, Ignacio Pérez-Jofre está presente con traballos realizados na súa maioría no espazo urbano.
O obxectivo fundamental é estimular nos participantes a observación da vida na cidade, como lugar de confluencia de persoas, construcións, estruturas, actividade económica, relación social, vías de tránsito, sistemas de comunicación, símbolos, canalizacións, redes de enerxía, etc. O debuxo formúlase como unha ferramenta idónea pola súa inmediatez e portabilidade; concretamente, o uso dun debuxo figurativo realizado in situ tende ao desenvolvemento das capacidades de comprensión visual e configuración cognitiva da escena.
O obradoiro formúlase como unha secuencia de catro sesións nas que se propoñen exercicios específicos baseados en diferentes motivos —transeúntes, arquitecturas, vehículos, etc.— ou en condicións de realización da obra (restricións temporais e/ou espaciais, indicacións respecto aos útiles, interacción coa contorna, etc.). Estes exercicios están baseados na propia práctica de Ignacio Pérez-Jofre de pintar e debuxar no espazo urbano, e nútrense tamén das súas experiencias e observacións como profesor de pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Cada sesión de traballo práctico na rúa estará precedida dunha breve introdución e seguida dunha posta en común do realizado, que terán lugar nunha sala-taller do MARCO.
Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965) é doutor en Belas Artes e Profesor Titular na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo. Últimas exposicións individuais: Cuadros de flores, galería Trinta, Santiago de Compostela (2013), Tierra, humo, polvo, sombra, nada, galería PM8, Vigo (2011), Diario, CAI de Zaragoza (2009), La ciudad y los árboles, galería May Moré, Madrid (2008), Las afueras, Espacio BCA, A Coruña (2008), El cielo sobre Vigo, galería Bacelos, Vigo (2007). Publicou os libros Huellas y sombras (Edicións do Castro, A Coruña, 2002), y Esto lo hace cualquiera (ed.) (Deputación de Pontevedra, 2004). Impartiu talleres e cursos no MARCO de Vigo, o CGAC de Santiago, o EACC de Castellón e o Colexio de Arquitectos de Lugo, entre outras institucións.