A exposición de Ignasi Aballí (Barcelona, 1958), que presenta a Fundación RAC -Rosón Arte Contemporáneo-, xira ao redor da idea da transparencia, do que está, aínda que non se ve, e da maneira na que iso é percibido. Retomando un proxecto recente na Pinacoteca de São Paulo, Aballí realizou un conxunto de vitrinas transparentes que, aparentemente, non conteñen nada pero sobre as que hai texto impreso, imaxes ou cor, de xeito que representan outra forma de conter información. Formando o eixo central da exposición, as vitrinas compleméntanse con outros traballos producidos para esta ocasión, como o vídeo Medir el aire, cuxa aparente falta de relato remata por se converter nunha especie de narración alternativa que flota sobre a imaxe de decenas de ceos que, un tras outro, aparecen ante os nosos ollos e ofrecen unha gran cantidade de información: unha determinada hora do día, unha estación do ano, un lugar distinto... Neste traballo, Aballí emprega sistemas técnicos de medición para calibrar en cada momento a intensidade da cor do ceo: as porcentaxes de CMYK e de RGB, a luminosidade e a saturación da cor en cada imaxe... Ignasi Aballí presenta tamén unha xeira de fotografías de néboa realizadas en diversos puntos da xeografía de Galicia -outro elemento cuxa efémera presenza escapa a nosa percepción- así como unha intervención sobre dúas das ventás da sala de exposicións. En tódolos casos pon en evidencia a relación entre o que vemos e o que está aí, aínda que non podamos velo. Con motivo da mostra publicóuse un catálogo que recolle dous proxectos nun libro de artista e un libro de textos que reúne tamén a obra exposta.
Fonte: Fundación RAC