Atalaia

1910. Vista del Manicomio de Conjo (Conxo, Santiago de Compostela)
> Imaxes históricas do sanatorio de Conxo
Datas: 03/05/2012 - 17/05/2012

Comisariado

Manuel Olveira

Descrición

A mostra está constituída por unha serie de imaxes históricas do sanatorio de Conxo, procedentes de dúas edicións: Album Manicomio de Conjo (22 imaxes), e Album Sanatorio de Conjo (20 imaxes). Trátase de álbumes editados en 1907 que recollen vistas do edificio e das actividades deste centro psiquiátrico de Santiago de Compostela. Unhas imaxes nas que se aprecia a distribución do edificio, tanto en función dos seus usos como da separación por clases sociais. As fotografías documentan a concepción decimonónica e o imaxinario da asistencia ás persoas con problemas psiquiátricos e dan fe dunha forma de entender a psiquiatría, da práctica médica asociada ás disfuncións psíquicas, das fronteiras do aceptable e normativizado e da exclusión e reclusión que padecían algúns colectivos e persoas.

A carón desta mostra sobre o nosocomio de Conxo, a Fundación Luis Seoane presenta tamén Mar aberto, unha mostra do fotógrafo Vari Caramés. As imaxes, tomadas no cárcere de Teixeiro e no CAPD de Sarria, conseguen que o espectador se interne de xeito extremadamente respectuoso nun mundo lonxano e descoñecido para a maioría da xente a través dos detalles, de pequenos instantes de múltiples e diferentes historias que xurden agora a través da cámara revelando ante o observador os puntos comúns e recoñecibles entre o seu mundo e estes outros.

Ambas as dúas exposicións formarn parte de Encontro: Artes pola Integración, un proxecto multidisciplinar cuxo propósito é establecer un diálogo con diferentes organizacións, institucións e persoas coa fin de promover un maior coñecemento da realidade de individuos e colectivos recluidos en centros de internamento, hospitais psquiátricos, centro penitenciarios e outros espazos similares. Estas propostas desenvolveranse en diferentes centros culturais da cidade: o Centro Coreográfico Galego, o Centro Ágora, o Teatro Rosalía de Castro, a Fundación Luis Seoane, o CGAI e a Sala de Exposicións Salvador de Madariaga.

Fonte: Fundación Seoane