Atalaia

Unha das obras de Inge Álvarez na súa mostra Cando o vento. Sala X, Facultade de Belas Artes, Pontevedra, 2012.
> Inge Álvarez. Cando o vento
Datas: 27/09/2012 - 09/11/2012

Artistas

Inge Álvarez

Descrición

O mundo está en continuo cambio polo que buscamos espazos nos que refuxiarnos. A exposición Cando o vento rende homenaxe a eses lugares que protexen ao ser humano "dunha vocación nómada", apunta Inge Álvarez. O tema central é a arquitectura, pero como un modo de dar corpo ao espazo e "dende a arte unha forma de afrontar o tema é facelo a través das maquetas", explica Álvarez, daí que as miniaturas como mecanismo de evasión tomen o protagonismo desta nova exposición. Para a artista, a maqueta é unha construción fráxil, efémera, ideal e de escala reducida que a converte nun perfecto aliado. "É unha mediación entre a idea e a construción real cargada de moitas posibilidades", sinala Inge Álvarez, definíndoa como un proxecto que mantén vivo o proceso creativo e a reflexión do creador. En definitiva, unha mestura entre utopía e realidade, "unha miniaturización dun mundo no que ademais da realidade ten que estar presente a esperanza", engade. Para as súas maquetas, Inge Álvarez bota man de madeira reciclada, rescatada da rúa, como caixas de froitas.

Ao longo da súa obra, a creadora reflicte os cambios permanentes e continuos que sofren as cidades construídas, "antigos centros convértense en periferias con novos arredores desertizados". Cuestiónase a vocación de permanencia "pois as cidades parecen moverse dentro de elas mesmas, sempre é a mesma pero cada día algo desaparece para reaparecer noutro espazo". Neste cambio de lugar xoga un papel transcendental o vento "que se leva as cousas para sempre ou as cambia de sitio e con nós fai o mesmo". O ser humano de hoxe en día ten a agonía constante de buscar novos espazos vivindo nun proceso continuo de adaptación "o que nos leva a sentirnos confusos ante unha paisaxe urbana que está a cambiar continuamente". Cando o vento se canse de viaxar, "traeranos novos soños, seguridades, amores", conclúe a artista.

Fonte: Bea Feijóo. DUVI (Diario da Universidade de Vigo)