Atalaia

Iván Prieto, 2011, Fashion Victim
> Iván Prieto. Fashion Victim
Datas: 06/07/2011 - 30/09/2011

Artistas

Iván Prieto

Comisariado

Cristina Moreiro

Descrición

A expresión Fashion Victim utilízase para referirnos a aquelas persoas que son vítimas da moda e que se guían polos canons de beleza establecidos. A intervención de Iván Prieto (O Barco de Valdeorras, Ourense, 1987), comisariada por Cristina Moreiro para o espazo da Zona “C” pretende reivindicar precisamente o contrario, para demostrar o desacerto daqueles que tratan de marcar unhas pautas estéticas determinadas.

Na sociedade actual valórase cada vez máis a imaxe que un proxecta de si mesmo, aínda que esta non sexa do todo real. Atendemos en exceso ás aparencias, buscando unha aceptación social aínda que para iso teñamos que mimetizarnos cos nosos semellantes e renunciar, por tanto, á nosa singularidade. Iván Prieto considera que, neste senso, os medios de comunicación xogan un papel fundamental, especialmente a publicidade, que nos propón un modelo de vida idílico e perfecto, que parece ser temos que tentar acadar por todos os medios. Deixándonos guiar polo seu criterio, enganados en busca da falsa perfección, esquecémonos da importancia da orixinalidade, da beleza das pequenas cousas que se atopa en cada un dos matices que nos diferencian do resto.

Lonxe de convencionalismos estéticos, a Iván Prieto o que lle interesa é a beleza do erroneamente considerado como feo. Para demostrar o seu verdadeiro potencial pon ante a nosa mirada seres mutilados, híbridos, con deformacións físicas… que nos fan sentir violentos nun primeiro momento pero ao mesmo tempo atráennos. Son tipos iconográficos que resultan curiosos e repletos dunha fermosura atípica que os fai únicos. As súas formas imperfectas logran un resultado moito máis auténtico, unha fermosura baseada en lograr a diferenciación mediante o recurso á abxección, que determina por completo a súa esencia.

A aparente dureza das obras de Iván Prieto así como o seu carácter espontáneo e informal, buscan sacudir o noso conformismo e desestabilizar o noso sistema baseado nunhas regras e normas de socialización ríxidas e nuns apotegmas relacionados coa nosa cultura, que nos impiden desinhibirnos sen medo a ser xulgados. A través destas, pretende mostrarnos a influencia que os traumas máis comúns exercen no noso modo de actuar, chegando mesmo a coartar a nosa liberdade sen que apenas nos decatemos.

Por outra banda, Iván Prieto reflexiona sobre a aparición dunha tendencia diametralmente oposta á anterior, que se dá en diferentes campos como, sen ir máis lonxe, a da arte contemporánea. Para iso, a través das súas instalacións, as veces extravagantes e con elementos conscientemente esaxerados, realiza unha crítica velada á procura da provocación pola provocación, do emprego do efectismo co fin de desviar a atención cara a onde lles interese aos diferentes axentes da arte en cada momento. Recorrer ao oculto e ao perverso sen unha mensaxe clara, sen un discurso elaborado e coherente, convértese nestes casos nunha táctica banal e carente de significado, ou polo menos así o considera o propio artista. Desta maneira, o que Iván Prieto pretende á fin e ao cabo é atrapar ao espectador no seu propio mundo, un espazo máxico habitado polas imaxes proxectadas no seu subconsciente, un universo de fábula que cuestiona ao espectador, enfrontándolle aos seus pensamentos máis ocultos, relacionados en maior ou menor medida cos tabús culturais e sociais.

O espazo da Zona “C” convértese con Fashion Victim nunha especie de escenario teatral onde se representan as peculiaridades dun misterioso submundo animado habitado por curiosos personaxes, que alleos ao visitante que se introduce no seu terreo, permanecen impasibles, sendo conscientes da nosa presenza, pero indiferentes ás sensacións que nos causan. Unhas sensacións complexas e contraditorias, que se van xerando no espazo que rodea ás pezas, o punto de encontro entre estas e o espectador.

O baleiro que se xera entre as distintas instalacións cobra un papel fundamental, xa que acolle a quen observa e permítelle sentirse parte da caótica representación, coa que termina identificándose. Esta estraña conexión vén dada, entre outras cousas, polo emprego de formas grotescas, algo que pon de relevo as debilidades e defectos de cada un dos personaxes, o que lle confire un carácter entrañable e conmovedor, que é o que leva a que terminen resultando tan próximos. Esa proximidade é en definitiva a que convida a penetrarnos pouco a pouco na borrosa paisaxe ideada por Iván Prieto, onde a medida que nos achegamos, imos descubrindo fragmentos dunha realidade que terminamos por aceptar como propia. Unha realidade que non se basea nuns principios establecidos, onde non existen uns modelos de comportamento ríxidos que seguir e na que cada un pode mostrarse tal e como é.

Fonte: Cristina Moreiro / Zona "C"