Iván Prieto (O Barco de Valdeorras, Ourense, 1978), licencióuse en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid en 2003. A súa traxectoria como xove creador foi recoñecida con bolsas e premios como a Bolsa Novos Valores, Deputación de Pontevedra (2001), 3º premio no XV Certame Galego de Artes plásticas (2002), e un accésit no III Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas (2003). Participou en exposicións colectivas como Residentes 05, Fundación Caixa Galicia, ou Adosados, Fundación Granell, ámbalas dúas no 2005 en Santiago de Compostela. Entre as súas mostras individuais, destacan FREAK-SHOW na Sala do Correo Galego, Santiago de Compostela (2005); Teatros Putrefactos, Deputación de Lugo (2007); Teatro del Absurdo, Espazo de arte MUSACA, A Coruña (2008); e Diálogos, Museo Provincial de Lugo (2011).
Iván Prieto converteuse neste tempo, dentro da súa faceta máis destacada, a de escultor, nun construtor de teatralidade, creando a través das súas instalacións escenarios cargados de significación, con personaxes que se moven en escenas presentadas como anacos de realidade. Eses personaxes, híbridos e deformes, cuxos corpos e vestimentas foron alterados, xeran unha atmosfera inquietante, e póñennos cara a cara cos nosos medos e tabús. O misterio que provocan as figuras desencadéase, precisamente, porque o grotesco do seu aspecto non provoca o rexeitamento radical que podería esperarse, senón todo o contrario, porque o enigma que encerran atráenos e fai que parezan, en certo xeito, entrañables e conmovedoras. Á súa vez son tipos iconográficos que podemos relacionar co mundo do circo ou do entroido polo que hai moito de lúdico nas súas poses, nas súas formas, capaces de crear un xogo visual que alegra, que suscita un sorriso xeralizado.
A mostra de Iván Prieto en Espacio48 permítenos adentrarnos no seu particular mundo, neste caso con escultura de fundición e algunha mostra do seu traballo noutros materiais. Podemos identificar estas pezas como parte dese mundo onírico tan representativo do quefacer do artista, que lonxe de resultar alleas ao espectador pola súa aparente estraneza, funcionan e reaccionan como calquera humano, habitando o espazo da galería e relacionándose co que teñen ao seu arredor.
Fonte: Galería Espacio48