Jack Mircala (Madrid, 1968), é un dos artistas máis orixinais do panorama español do momento. Ilustrador e escritor, as súas obras mostran un fondo coñecemento dos clásicos da literatura internacional, e destaca tamén pola asimilación do mundo da ilustración clásica mesturado coas novas tendencias do cinema e do debuxo máis vangardistas.
Compostela iconográfica. Unha visión do século XXI constitúe unha orixinal e sorprendente aposta de Mircala para achegármonos á revisión do santoral compostelán. O artista sintetiza e renova os códigos da imaxinería cristián creando vintecatro representacións doutros tantos santos cos seus humildes materiais (cartolinas, papeis, lapis de cores, pegamento, tesoiras…) e construíndo maquetas que sorprenden polos seus volumes, priegues e curvaturas.
Estes vellos santos parecen baixarse das súas peañas para afirmar a súa presencia nos nosos tempos, e abandonan así a rixidez e solemnidade que lles outorgaban os materiais considerados nobres -pedra, mármore, bronce-, para ofrecer unha nova apariencia, acorde coa estética do artista, atento a mesturar seus atributos clásicos con conceptos vangardistas e traducir en novas iconografías a esencia dunhas vidas cheas de acontecementos azarosos e sobrenaturais.
A mostra compónse de 24 esculturas. Tesoiras, cúter, pegamento de barra, cartolinas e lapis de cores son os humildes materiais cos que Mircala traballa "material amigo que se ofrece xenerosamente para ser medio da miña expresión artística e co que me sinto tan en comunión como o ebanista coa madeira ou o ourive co ouro", declara o artista no libro-catálogo editado por O Patito Editorial. A súa estética inspírase "tanto na arte clásica (desde o románico ata O Greco) como nas vangardas artísticas do século XX (expresionismo, construtivismo, minimalismo), para dotar a cada imaxe dun poder renovado".
Despois da súa presentación no Pazo e Xelmírez, a mostra itinera ata o Fórum Metropolitano da Coruña, do 25 de outubro ao 30 de novembro.
Fonte: Concello de Santiago / El Patito Editorial