Atalaia

Javier de la Rosa. El demonio que llevamos dentro, 2011. Colaxe, cartón e acrílico, 65 x 50 cm
> Javier de la Rosa. Los restos del naufragio
Datas: 01/07/2011 - 24/07/2011

Descrición

A carreira creativa de Javier de la Rosa (Sevilla, 1966), combina desde os seus comezos as facetas de deseñador e grafista coa de ilustrador. Como deseñador, dedicado preferentemente ao mundo da cultura, ten realiza­do algúns dos carteis máis salientables editados durante estes últimos anos en España. As súas ilustracións evidencian intereses plásticos e estéticos, así como influencias case sempre explí­citas: o mundo da publicidade, cómic, cine, música… pero tamén Pollock, Twombly, Lichtenstein ou Hockney. Servíndose dun eclecticismo técnico e cunha amable falta de respecto, amalgama nos seus traballos elementos de procedencia moi diversa que acadan, descontextualizados e en relacións inusuais, novos significados e unha maior capaci­dade de suxerir e conmover nun exercicio no que sempre prevalece a eficacia perceptiva e a sensualidade colorista mínima que proclaman e transmiten unha concepción, golosa tamén, da Arte. Xunto a Alba Nicolás, dirixe “La Milicia Gráfica” (www.miliciagrafica.com), estudo de deseño e ilustración, “creado en Sevilla, defendido en Madrid durante máis de quin­ce anos e hoxe afincado nas barricadas culturais da Coruña”.

"Los restos del naufragio é o punto final dunha triloxía chamada Cartoneart, ilustracións realizadas con cartóns e recortes de caixas encontradas nas esquinas de diferentes cidades. A navegación partiu cunha colección de bágoas exiliadas, ilustracións de tamaño medio, realizadas con recortes de imaxes extraídas de caixas de cartón, inzadas de simboloxía, miradas tristes e moitas bágoas, que foron expostas na Galería Espacio-1 de Madrid. Na segunda mostra, as bágoas transformáronse en Caricias de cartón, un traballo moito máis positivo e reali­zado coa mesma técnica que o anterior. Foi inaugurada con moito éxito no mesmo Espacio-1 de Madrid e, posterior­mente, viaxaron a Los Ángeles, Estados Unidos.

Los restos del naufragio é o final desta travesía, o camiño por onde fomos recollendo restos e algún que outro náufrago, procedentes doutros naufraxios, que axudaron a que o camiño fose máis doado. Esta ultima exposición, realizada con recor­tes de recordos e caixas de cartón, é o resumo destes tres últimos anos. Despois dunha estadía en Madrid este barco atraca por fin na Coruña, onde repostaremos, para come­zar unha nova andaina."

 Fonte: Galería 9THE13 / Javier de la Rosa