Orbitando fai referencia ao estado de inercia da sociedade global. Jesús Valmaseda fala dun orbitar arredor de nós mesmos, instalados na pasividade que xera a asunción da impotencia; e toma como elemento simbólico desa idea a cidade, xérmolo dun ente hipertrófico que ten o seu pleno desenvolvemento nas macro-cidades actuais, nas que el recoñece a imaxe perfectada deriva cara a autodestrución.
Varias das pezas de escultura que presenta na sala de exposicións do Instituto de Estudos Miñoranos, en Gondomar,son aglomeracións de pequenos elementos de madeira (o material principal, mais non o único) dispostos de xeito que suxiren fragmentos de espazos urbanizados een crecemento, presentados desde unha perspectiva aérea ou lonxana. Valmaseda alude a este aspecto dicindo que pretende suxerir a visión distante dun "deus" indolente, na que o demiurgo sería a humanidade posuidora de amplos saberes etecnoloxía; ateigada de coñecemento que, porén, máis que solucións, xera parálise.
Noutras obras emprega materiais como metacrilato e lousa, cartón e aceiro inox; ou tea asfáltica, metacrilato e luz asomando nun bidón para o lixo. E emprégaos tentando o diálogo ou a confrontación das cualidades estéticas, mais procurando, a través das relacións que van establecendo, a suxestión de sentido.
Fonte: Instituto de Estudos Miñoranos