Atalaia

Jordi Bernadó. Fotografía da serie “... Y hasta un mono de piedra”.
> Jordi Bernadó. Fragmentos para una cronotopografía del simulacro
Datas: 18/11/2011 - 15/04/2012

Artistas

Jordi Bernadó

Comisariado

Xosé Garrido

Descrición

Fragmentos para una cronotopografía del simulacro. Trajines, traídas y faenas de Jordi Bernadó, non é unha retrospectiva da obra de Jordi Bernadó (Lleida, 1966), nin tampouco unha escolma de obras representativas dos rasgos estilísticos e temáticos que mellor poidan definir ao artista. É, pola contra, unha intervención sobre a súa obra que tenta rastrear, en primeiro lugar, a complexa e particular relación que o autor establece co territorio e co espazo no que se desenvolveu, ata os nosos días, a cultura occidental e, en segundo lugar, o dialogo que estas representacións establecen co espectador. É indagar na idea do simulacro, na súa forza subversiva, como forma de pensar a nosa cultura e como reflexión sobre unha realidade que só se revela posible se se establece en comunión expectatorial co espectador. Rastrear e indagar no signo fundacional, e nas súas traslacións, mutacións e traslocacións.

 Para todo isto desenvolveuse un roteiro cunha escolma de 80 fotografías de varios traballos e series de Bernadó, agora reubicadas e reagrupadas. As imaxes, de gran formato, distribúense en catro partes e un epílogo, a xeito de peche ou clausura, onde os conceptos de cartografía, representación e posta en escena acadan unha importancia nuclear e atravesan transversalmente, desde un extremo ao outro, cada unha das imaxes que fan parte das diferentes secuencias da exposición: Algunos trozos del “Mapa de Borges”, …Y hasta un mono de piedra, Espacio y representación, Cartografías de un espacio aséptico, y Last but not least.

A Jordi Bernadó interésalle a fotografía como unha forma de concibir e contar o territorio, a cidade, a arquitectura e o deseño urbano, e entende a disciplina fotográfica como unha forma de coñecemento. A súa cobiza e rigor, no seu particular proceso de decodificación do entorno, trascendeu nunha obra moi persoal, ao mesmo tempo que complexa e ricaz en matices. A contradicción, o absurdo, o azar e a ironía, son as fontes que Bernadó articula para sinalar o que hai ao seu redor. Ten unha obra moi abundante, formada por traballos seriados onde vai conceptualizando as súas ideas en torno á paisaxe, cunha mirada analítica sobre o territorio (a arquitectura e, sobre todo, o espazo urbano desde perspectivas sociolóxicas, culturais e antropolóxicas). Nado en Lleida, e afincado en Barcelona, Jordi Bernadó desenvolveu parte do seu traballo en diferente lugares de Europa e Estados Unidos.

Fonte: MACUF