Jorge Vázquez Carmona (1968, Barcelona), escultura e pintura, e Juan Fal Fernández (Lieres, Asturias), pintura, convídannos coas súas obras a aprender a mirar outra forma de realidade.
Carmona profundiza na autenticidade do home máis alá do superfluo, da cortiza e da pel; a través dos seus tecidos de tabliñas de madeira e acrílicos cárnicos, vainos devolver a mirada cara o noso interior físico e tamén metafísico, amputado, helenístico. Afastándonos, mediante a translación ao mundo do oculto, dunha realidade matérica por material no sentido máis denostado do material. Intelixente discurso que xunta con éxito, por outra banda pouco frecuente e moi oportuno, a crítica social e a emoción estética.
Pola súa parte, Juan Fal ensínanos esas micro-macro-paisaxes imperceptibles aos nosos ollos pola cegueira do noso propio balbordo visual. Aproxima e reconcilia a abstracción coa realidade, as súas paisaxes abstractas non o son tal, son fragmentos do noso mundo natural vistos dende o microscopio ou dende o satélite. Mediante un discurso conceptual proponnos remirar a nosa realidade natural e entender a súa esencia material e espiritual. Cando representa os orificios que os pequenos crustáceos fan na praia, utilizará area de praia. A obra non representa, reconstrúe. Non é ilusión nin abstracción, senón un novo ente real con entidade propia, pero coa mesma esencia espiritual ou alma que o inspira. O artista convértese en alquimista.
Fonte: Galería Monty4