Atalaia

José Paz. Nada será igual, da serie Ao día seguinte. 2010. Fotografía Lambda, 107 x 147 cm
> José Paz. Alma Emboscada (Una película de piel XVI)
Datas: 10/12/2010 - 31/01/2011

Artistas

José Paz

Descrición

A Galería Marisa Marimón presenta, por decimosexto ano consecutivo -e coincidindo co Outono Fotográfico de Ourense-, dentro do seu ciclo anual Una Película de Piel -dedicado á fotografía-, a mostra de José Paz, Alma Emboscada.

 

 O traballo de José Paz (Éibar, Guipúzcoa 1967 -residente en Ourense-), caracterízase por facer da fotografía un lugar para investigar o territorio, realizando diferentes intervencións na paisaxe galega, creando escenarios, composicións efémeras e sutís, con elementos da propia natureza, que transforman o espazo con formas e volumes que modifican ou potencian o significado da paisaxe, borrando os límites entre a intervención e o real. A mirada subxectiva e o territorio como soporte físico, constitúen a base sobre a que se manifiesta a dimensión estética da paisaxe.

 

 O mesmo Paz explícase deste xeito: “Hai un punto que rodea ao natural que me fascina. O que discorre parello ao concepto de runia, ligado ao paso do tempo e ao feito -que non escenificado-, polo home. Perdido o seu uso, aínda no medio dun aparente estado caótico, todo escenario natural mantén parte da súa esencia, e nel atopamos sempre aspectos evocadores dun pasado que delata a súa identidade. Quizais algo non concreto, difícil de situar no tempo, suxeito ao necesario uso da imaxinación. ¿Soño romántico, reivindicación do sublime? Pode ser. Non persigo escenarios maiúsculos, nin afastados na distancia, pero si que nos fagan pensar, formular preguntas sobre o que fomos, somos e seremos. Paisaxes nas que non veremos persoas, pero si estará a representación do seu espírito”.

 

Fonte: Galería Marisa Marimón