A exposición de Juan Carlos Meana (1964, Vitoria-Gasteiz) -actual decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra-, leva por título un verso do poeta arxentino Hugo Mújica (1942, Buenos Aires), e presenta un conxunto de obras de diferentes disciplinas onde unha das preocupacións reiterativas do traballo do artista tómase como eixo esencial: a sempre conflitiva relación entre o individual e o colectivo, aquilo que, como suxetos, desexamos ou sentimos e a pertenza a un grupo ou colectivo que afonda e mostra os límites do identitario.
Daquela, preséntanse varios traballos consistentes nunha serie de fotografías de barcos aos que se lles teñen engadido palabras como se foran parte dos seus atributos; un traballo sobre o muro da galería con varios elementos ao redor dun teposteiro ou icona institucional; a proxección dun vídeo e varias obras escultóricas.
Hasta vaciarse de tanto aquí fálanos do arraigo como cuestión que latexa, como se resultara imposible tomar unha relación co lugar. Esta cuestión volta aparecer cada vez na obra, amosándonos que, nese feito de ver que é a obra, prodúcese continuamente tamén un perder. Perderse vendo vai reñido con calquera posibilidade de identidade, como se nos arroxáramos ao espazo dos mortos, que diría Georges Bataille. E canto máis obra a obra é cando este sentimento empurra cara o aberto. A identidade só se explica polo medo ao aberto; enchémonos de relacións que, en ocasións, nos resultan imposibles, tecemos imaxinando unha orde do mundo onde sempre temos un lugar preferente e, sen embargo, nada semella colmar unha sede de pertenza imposible: a un corpo, a un lugar, a un colectivo, a unha familia, a unha patria, a unha...
Fonte: Galería Bacelos