Atalaia

Juan de la Colina. Brambletye I (etched by Letitia Byrne from the drawing by Paul Amsinck), 2011. Imaxe dixital sobre papel, 40 x 50 cm
> Juan de la Colina. Re-exploded Homes
Datas: 13/10/2011 - 31/12/2011

Descrición

Re-exploded Homes (Casas reexplosionadas), é unha mostra de Juan de la Colina (A Coruña, 1958), nun espazo non comercial no centro da Coruña -na rúa Florida, 34-, producida polo área LAB, da Galería 9THE13, en coproducción co artista. Procedeuse a unha rehabilitación efémera do local, adaptándoo para a disposición da obra, con algunhas pezas pensadas como site-specific. A mostra forma parte dunha serie de esforzos que implican o regreso de Juan de la Colina ao mundo expositivo (á comunicación, ao debate e ao mercado), despois de trece anos afastado deste. De la Colina nunca deixou de traballar a creatividade e súa obra actual flúe con forza, convivindo varias liñas de traballo que organiza, con paciencia de demiurgo, con proxectos nítidos a desenvolver nun futuro inmediato e grupos de obras que conforman series ou que dialogan con coherencia entre elas, que aínda non saíron á luz e agardan o seu momento.

Re-exploded Homes é o resultado de investigacións levadas a cabo durante catro anos por parte do artista ao redor de Brambletye House, unha mansión construída cara 1631 e explosionada en 1683, que lle levaron a facer unha prospección de todo o século XVII inglés e a súa repercusión no romántico e na modernidade, buscando aspectos non resoltos ou descoñecidos dese momento histórico pioneiro no económico, social, político e estético e a súa repercusión no proceso da modernidade. Brambletye é tomado como exemplo clarificador que, dunha banda, revisa unha Inglaterra barroca que sempre nos dá novas claves para comprender a historia e a súa evolución en momentos cruciais, e, por outra, Brambletye é tamén como unha ruína romántica que chega aos nosos días cargada de mito e realidade histórica, en boa medida revisada a través de documentos ingleses, franceses e españois. Por último, Brambletye preséntase como unha proposta poética contemporánea, apoiada nas dúas perspectivas anteriores, conducíndoa así á propia expresión artística desde a actualidade e o seu debate.

A Galería 9THE13 celebra, con esta exposición, o seu segundo aniversario e continúa o traballo da súa área LAB / I+D+i, centrado na xeración de novos proxectos artístico-creativos e na difusión de artistas, novos e consolidados, compromiso inalterable desde o seu comezo en outubro de 2009.

*Nota: Para visitar a exposición é preciso concertar unha cita previa, contactando no enderezo electrónico da galería: 9the13@9the13.com ou ben ao seu teléfono: 981.225.748.

Fonte: Galería 9THE13