Atalaia

Vista da exposición
> Julião Sarmento. Guest or Host?
Datas: 03/06/2014 - 28/09/2014

Comisariado

David Barro

Descrición

A obra do artista portugués Julião Sarmento (Lisboa, 1948), un dos creadores máis importantes e representativos dentro do contexto da arte contemporánea internacional, chega a Galicia da man da Fundación Luis Seoane de A Coruña a través da mostra Juliao Sarmento. Guest or Host?, un proxecto coproducido pola institución coruñesa e o CAAM, Centro Atlántico de Arte Moderno de As Palmas de Gran Canaria. 

Juliao Sarmento. Guest or Host? comisariada polo crítico de arte e director da Fundación Luis Seoane David Barro, constitúe a primeira gran mostra individual da obra de Sarmento en Galicia, reunindo preto dunha treintena de pezas en diferentes formatos como pintura, escultura, debuxo, fotografía, vídeo e instalación que van dende os comezos da década dos oitenta ata o momento presente, nun esforzo por amosar ao espectador o carácter poliédrico do traballo do artista. O título da mostra, Guest or Host? (¿Convidado ou anfitrión?) alude á incapacidade de discernir o lugar no que nos situamos ante as obras de Julião Sarmento, especialmente con respecto ás súas performances, onde o propio artista exerce de anfitrión ao situar a escena pero tamén de convidado, xa que permanece fóra dela. O percorrido expositivo concibiuse como un paseo por algunhas constantes do seu traballo como o erotismo, a memoria ou o desexo, filtrados a través de diferentes referencias culturais, sobre todo literarias e cinematográficas, dende Marguerite Duras a James Joyce, de Raymond Carver a Pina Bausch ou Atom Egoyan, por citar só algunhas, representadas alternativamente de maneira sutil ou manifesta. 

Fonte: Fundación Luis Seoane