A partir de xaneiro 2015, o lugar ata agora dedicado a tenda-librería no vestíbulo principal do MARCO convertiuse en sala de proxectos, retomando o espírito do Espazo Anexo na praza peonil posterior (2004-2011). Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, esta nova liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións por proposta dun mesmo comisario, con periodicidade anual.
A intertextualidade, segundo as palabras de José Ángel Valente, non se pode entender referida unicamente á relación entre creadores do campo da literatura. As influencias teñen que romper con esa serie de divisións invisibles e conectar dese modo as artes plásticas coa poesía, ou a música co pensamento filosófico, dando lugar a múltiples diálogos que deben ter como lugar común o día a día, o cotián.
O ciclo Intertextual parte dunha selección de artistas pertencentes a unha mesma xeración, voceiros da realidade artística nacional e internacional dos últimos anos, que atopan nesa conexión de influencias un campo de traballo ideal. A proposta nace da necesidade de configurar lugares para proxectos que ofrezan aos artistas a oportunidade de producir obras específicas, a partir da recreación e consolidación dun espazo que ofrece un lugar privilexiado, tanto polas súas dimensións e características coma polo tránsito continuo de visitantes, para a visibilidade dos proxectos.
O ciclo inaugurouse o 16 de xaneiro con 249 litros, de Carlos Maciá, continuou con Cismadores de Mauro Cerqueira, _ACHAR de Juan López, Canaval de Fernando García, ao que segue a proposta de June Crespo, que pecha o ciclo.