Atalaia

Karmelo Bermejo. Transparencia 0. Réplicas en chumbo macizo das obras de arte da colección persoal do director do MARCO, 2011. Chumbo macizo, medidas variables
> Karmelo Bermejo .
Datas: 23/09/2011 - 27/11/2011

Descrición

A exposición ., de Karmelo Bermejo, é a cuarta do ciclo Entrar na obra, que se desenvolve ao longo de varios meses nas salas do primeiro andar, e cuxo título está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo, Entrare nell’opera (1971). O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan ao público, ao visitante, ao espectador, á audiencia, como un elemento inherente á obra.

A reflexión sobre o marco institucional no que se exhiben as obras de arte constituíu un interese constante para a primeira onda de crítica institucional, que nas décadas de 1960 e 1970 intentaba subverter o papel da institución cuestionando os seus límites e as relacións de poder no contexto museístico. Nesa crítica ao sistema, que se foi expandindo dende a propia institución aos axentes que forman parte do sistema de produción artística -entre eles o espectador ou o director, cada un nun extremo- enmárcase a nova proposta de Karmelo Bermejo, titulada .

A exposición, titulada . -un punto, un signo ortográfico que illado, funciona con novos significados- está concibida como un traballo en capas, que se van superpoñendo, anulando ou complementando na súa invisibilidade. A partir da idea do museo como xerador de valor, provoca unha reflexión sobre os xogos de poder que rodean á obra de arte, á súa produción e á súa recepción por parte do público. A mostra inclúe un total de 9 pezas, dúas das cales se sitúan fóra do espazo físico das salas de exposición.

Karmelo Bermejo, aínda que nacido en Málaga en 1979, é un artista do País Vasco, con residencias recentes en México D.F. O seu traballo concéntrase en atopar as formas de evidenciar as economías de valor, xa sexa comercial ou de prestixio, que operan nas estruturas de visibilidade/invisibilidade que sosteñen á obra de arte contemporánea e o seu financiamento, tanto privado como público. A lóxica das súas accións e obras é invocar un desperdicio crítico: a manipulación da economía de luxo que mobiliza toda obra de arte. Karmelo Bermejo realizou exposicións na Bienal de Liverpool, Galería Maisterravalbuena (Madrid), Bloomberg Space (Londres), Artium (Vitoria), TEA (Tenerife), Bienal de artistas novos de Bucareste, Galería Marlborough (Madrid), Para/Site Art Space (Hong Kong), ou o espazo ONG (Caracas). En 2010 gañou o premio ARCO.

Fonte: MARCO