Atalaia

Laxeiro. A barca espacial. 1961. Colección particular, Teo
> Laxeiro. Cosmoloxías
Datas: 24/05/2012 - 20/07/2012

Descrición

Esta mostra recolle 24 óleos sobre tea de Laxeiro, pertencentes a coleccións procedentes de diferentes recunchos de España e Portugal. Coleccións particulares de Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo, así como fondos propios de galerías de arte ou de entidades bancarias son algunhas das procedencias destas obras datadas entre as décadas dos 50, 60 e 70. Durante estes anos, Laxeiro residiu en Buenos Aires e alí mantivo contacto coas correntes artísticas que se propoñían dende Francia (o art brut) e Centroeuropa (o chamado grupo CoBrA). Afastado da pintura académica e volcado nunha pintura máis espontánea, Laxeiro atopou inspiración no mundo da loucura, os nenos ou o primitivismo, temas que achegan a súa obra cara outros movementos artísticos da época, coma o expresionismo, o informalismo ou mesmo coa tradición negrista da pintura española (Goya, Ribera, Gutiérrez Solana, etc.). Membro destacado dos Renovadores da Vangarda Histórica Galega, Laxeiro contribuiu decisivamente a introducir a pintura galega na contemporaneidade, cunha obra de gran forza expresiva que foxe dos estereotipos que se importaban dende Madrid cara o resto de provincias españolas.

Na maioría das obras expostas pódese apreciar cómo Laxeiro comeza a empregar cores primarias e a súa produción inclínase cara o horror vacui, deixando ver o anarquismo do seu autor, a súa rebeldía e a disconformidade e denuncia de todo o que el consideraba hipócrita, inxusto ou falso. O espazo singular da Capela de Santa María constitúe o marco perfecto para admirar obras como Crucifixión, O profeta, Martirio do boneco Ramón ou Muller crucificada, que son algunhas das vintecatro obras expostas nos espazos desta capela na Ronda da Muralla lucense.

Fonte: Capela de Santa María, Deputación de Lugo