A mostra reúne pezas das series máis representativas na traxectoria do artista como Vítima, Pintura sobre pintura, Atentados, Situacións e Pinturas comentadas.
Nas obras que conforman o traballo que leva por título “Vítima” Lago trata o tema da inxustiza e o sufrimento innecesario dos animais. O artista fai fincapé no “animalismo”, unha corrente de pensamento e acción que parte de entender que a relación que mantén o ser humano cos animais na sociedade actual é absolutamente abusiva, cruel e inxusta. Para representar esta situación o artista xoga co tamaño, reducindo a animais como rinocerontes, ras e vacas a unha mínima dimensión, mentres que somete a un “agigantamiento” metafórico a obxectos artísticos cotiáns. Neste caso, por tanto, o tamaño sí importa para Lago, e con eses xogos de escala consegue crear unhas obras belas e suxestivas.
Na serie Pintura sobre pintura e Atentados, nun acto de “desacralización” de obras icónicas da historia da arte, atrévese a intervir cadros de grandes mestres como Velázquez, Leonardo da Vinci ou Rafael con pinceladas expresionistas que parecen nacer do caos e o azar, e que contrastan de maneira radical co hiperrealismo dos retratos que Lago reproduce e mimetiza de forma sorprendente. O curioso do seu discurso é esa dicotomía: por unha banda pinta como un clásico e por outro arroxa pintura sobre esa mesma pintura que reproduciu -de aí o nome da serie “pintura sobre pintura”- dun modo absolutamente moderno e contemporáneo.
Lino Lago (Redondela, 1973), formouse en Belas Artes na Universidad Complutense de Madrid e reside desde hai varios anos en Vilnius (Lituania). Recibiu destacados premios, como unha mención de honra no Museo Thyssen de Madrid no certame de pintura organizado pola “Fundación de las Artes y los Artistas” de Barcelona ou a mención de honra no “XXIV Premio BMW de Pintura”. O seu traballo foi exposto en destacados espazos como a Casa de Galicia en Madrid, o Flint Institute de Michigan ou a destacada George Adams Gallery de Nova York. Tamén participou en importantes feiras como Arco, Art Miami ou Art Fair “SH Contemporary 09” de Shangai, e a súa obra forma parte de recoñecidas coleccións públicas e privadas tanto a nivel nacional como internacional.
Fonte: Moret Art