Dystopia Stalker é a primeira mostra individual do artista suízo Lori Hersberger (1962, Basilea) na Galería SCQ. A exposición presenta, entre outros, unha serie de traballos escultóricos de parede -Gestalt e Intergalactic Totem-, feitos en chapa metálica, nunha liña minimalista excitada pola cor e os sinuosos plegamentos do metal que provocan un distorsionante xogo de reflexos. Uns estilizados tubos de neón conformando a xeometría dun dobre marco constitúen outra das obras -Geist- que acada un elocuente efecto lumínico.
Pero, sen dúbida, é a instalación que dá título á mostra a peza que maiores dislocacións espaciais chega a xerar nos visitantes. Alén das referencias ao mítico filme Stalker -La zona- (1979), do cineasta ruso Andréi Tarkovski -quen, a súa vez, inspiróuse na novela de ciencia ficción Picnic extraterrestre (1971), dos irmáns Arkadi e Borís Strugatski-, dúas estruturas angulares con cristal -afumados e/ou con efecto espello-, dispostas á maneira e función dos biombos, ocupan a sala central da galería invitando a percorrelas, ofrecendo dinámicas de visión, reflexo, ocultación e outras consideracións sobre a percepción e a materialidade da mirada.
Fonte: Atalaia