Atalaia

Luis Seoane. El pulpo, I. 1968. Xilografía
> Luis Seoane. Bestiario. Fóra a alma
Datas: 03/05/2012 - 15/10/2012

Artistas

Luis Seoane

Comisariado

Silvia Longueira

Descrición

Tomando como referencia o título dun conxunto de editoriais escritos por Luis Seoane para a revista Galicia Emigrante, a Fundación Luis Seoane expón xuntos, por vez primeira, os dous bestiarios que o artista realizou: Diez xilografías originales, en 1965, e Bestiario, en 1976. A carón destes, inclúense unha escolla das probas pertencentes ao álbum Insectario, de 1975, xunto cun apartado no que se recollen probas de imprenta do álbum Imágenes de Galicia, editado en 1978 e gravados orixinais de Imaxens Celtas de 1977, e dunha escolla da bibliografía utilizada como fonte documental por Seoane, pertencente á súa biblioteca persoal. En total, unhas 72 obras, entre grabados orixinais, probas e documentación que amplían a perspectiva sobre o proceso creativo do artista, xa sexa a través das probas dos gravados, ou ben como exemplo de parte da enorme curiosidade que caracterizou ao creador galego a través das fontes que éste utilizou para mergullarse nunha temática e un soporte que, unha vez máis, consegue enraízar Galicia cunha época, a Idade Media, e cunha natureza de carácter primitivo, que é evocada constantemente como referencia esencial no desenvolvemento dun contorno, dunha arquitectura, duns habitantes e, por riba de todo, dunha cultura propia.

A parte documental da mostra reúne obras pertencentes á biblioteca persoal de Luis Seoane, cedidas para a ocasión pola Real Academia Galega. Obras adquiridas polo artista que son exemplo de erudición e que posúen un interese enorme tanto para o admirador da obra de Seoane, polo seu carácter de compañeiras vitais do creador, como para o afeccionado á arte en xeral: así, atopamos a Histoire naturelle de Max Ernst, editada en París en 1955, Massacres et autres dessins de André Masson, de 1971, un estudo sobre o Minotauro de Pablo Picasso editado en Alemania en 1963, un ensaio sobre Goya de André Malraux: de este último, atopamos tamén un catálogo que ilustra La pieuvre de Victor Hugo, ademáis de auténticas xoias como as obras do historiador da arte Jurgis Baltrusaitis sobre a Idade Media ou o Gótico.

Fonte: Fundación Seoane