Atalaia

Panel con reproducións e fichas de murais realizados por Seoane
> Luis Seoane. Murais
Datas: 30/10/2012 - 17/06/2013

Artistas

Luis Seoane

Descrición

A obra mural de Luis Seoane constitúe unha parte esencial da súa produción, non só pola calidade artística e a beleza das pezas realizadas polo artista en edificios públicos e particulares ao longo de aproximadamente dúas décadas, senón polo papel fundamental que a práctica do muralismo supuxo na evolución posterior da súa pintura. Descoñecidos por unha parte importante do público debido a súa ubicación -a inmensa maioría na cidade de Bos Aires-, os murais de Seoane cobran vida nesta mostra a través dunha escolla de 62 bosquexos preparatorios, pezas de valor inestimable tanto pola singularidade do seu formato como pola oportunidade que supón poder contemplar as anotacións referentes á cor, as dimensións e o deseño que o artista realizou en moitos deles, 75 fotografías de época que amosan ao artista traballando nas obras e o resultado final das mesmas, e 44 fotografías que documentan o estado actual dalgúns deses murais.

A finais dos anos corenta, Luis Seoane toma un camiño de doble vía que o levará, por un lado, a traballar pola renovación da arte galega e a súa inclusión por dereito propio nas correntes das vangardas europeas sen perder as súas raíces culturais e históricas, e por outro, cara a busca da integración das artes, un concepto que desenvolverá ao longo de toda a súa carreira. Seoane considera que a práctica artística, desde as súas orixes ata a Idade Media, constitúe unha simbiose entre arquitectura, escultura, pintura e demais artes que se rompe a partir do Renacemento e que permanecerá disgregada en diferentes disciplinas ata o século XX, momento no que a busca da integración das artes é retomada por parte de movementos como a Bauhaus ou De Stijl e por artistas como Fernand Léger, El Lissitzky, Robert Delaunay ou Joaquín Torres-García, entre outros, como vía para transformar o conxunto da sociedade. O estudio por parte de Seoane das experiencias destes artistas, así como dos grandes muralistas mexicanos coma Siqueiros ou Rivera, influirá de xeito decisivo á hora de acometer os seus traballos murais. A práctica do mural permitirá a Seoane ampliar os seus coñecementos como artista e trasladalos ao resto da súa produción, xa que a experimentación con novos materiais e a recuperación doutros en desuso, así como a aplicación de diferentes solucións para os murais grazas ao estudo do espazo e da cor se reflexarán en toda a súa obra, moi especialmente na evolución da súa pintura a partir dos anos 60 a través da introdución da abstracción.

Fonte: Fundación Luis Seoane