Atalaia

Lula Goce. Tres debuxos da serie Tempus Fugit (2010), e dúas vistas da instalación Garden (2012), coa videoproxección El baño (2009), na Galería Metro, Santiago, 2012.
> Lula Goce. Tiempo Fugitivo
Datas: 09/11/2012 - 11/12/2012

Artistas

Lula Goce

Descrición

Lula Goce (Baiona -Pontevedra-, 1976), presenta na Galería Metro a mostra Tiempo Fugitivo, na que combina dúas facetas do seu traballo artístico. Por unha banda o debuxo, a ilustración, con obras procedentes das series Fugitive Time ou Tempus Fugit, coa súa habitual liña de rotulador negro sobre fondos brancos en papeis, nesta ocasión, de formatos xenerosos, de 130x110 cm. Noutra vía creativa, unha instalación específica para o espazo da galería: Garden (2012), na que emprega fariña branca e bolas de pan para configurar un moi particular xardín zen no que tamén se integra unha videoproxección, El baño (2009), sobre unha pantalla de papel sutilmente pendulante.

En palabras da propia artista, "Tiempo Fugitivo son os corpos que se precipitan no horizonte dun buraco negro. Tiempo Fugitivo é seren cuspidos a través dun buraco de verme á bidimensión do papel inmaculado, transformados en imaxes planas, obrigados a orbitar nun papel branco e finito. Reais, fermosos, tráxicos e cómicos, os personaxes son eco da inexorable decadencia que trae consigo o paso do tempo”.

Despois de formarse na Facultade de Belas Artes de Salamanca e de vivir e traballar durante anos en Barcelona, Lula Goce reside desde 2010 en Santiago de Compostela, onde desenvolve a súa obra. "Meu traballo fusiona diferentes disciplinas, ubicaríame dentro do campo do debuxo, a instalación e intervención de espazos con elementos mínimos. A miña obra a definiría pola economía de medios e o uso da liña sobre fondos brancos, case asépticos. Teño unha tendencia cada vez maior a profundar no máis íntimo, e daí achegarme ao global do individuo, ás veces cunha certa carga satírica, outras en clave de humor, pero sempre hai de trasfondo unha crítica cara a sociedade de consumo e a identidade que xera cada individuo dentro da propia sociedade."

Fonte: Atalaia / Galería Metro / Lula Goce